A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro participou na inauguración da xornada ‘Talento azul’
A Xunta destaca o papel clave que xogan os grupos de acción local do sector pesqueiro para acadar o relevo xeracional no mar

A Consellería do Mar lembra que os GALP teñen demostrado que son un instrumento moi útil para a creación de emprego e riqueza vencellados ao mar dun xeito sustentable e respectuoso cos recursos

O Executivo galego considera que son elementos fundamentais para que a xente nova vexa o mundo mariño como algo atractivo pois contribúen a mellorar a economía das zonas costeiras e a fixar poboación no territorio

Os grupos de acción local do sector pesqueiro desenvolveron desde 2016 preto de 400 proxectos cun investimento total próximo aos 60 millóns de euros e permitiron crear 360 empregos directos a tempo completo e arredor de 2.100 nas actividades vencelladas coa súa posta en marcha
 

Cambados (Pontevedra), 29 de outubro de 2020

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, participou hoxe na inauguración da xornada Talento azul. Compartindo experiencias para avanzar cara o crecemento sostible dos nosos territorios costeiros, onde puxo en valor o labor realizado polos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) para mellorar a economía das zonas costeiras de Galicia e fixar poboación no territorio. Por iso, destacou, son elementos clave para acadar o relevo xeracional na cadea mar-industria da comunidade.

A representante do Executivo galego explicou durante este encontro, organizado polo GALP Ría de Arousa, que a remuda xeracional é un dos retos máis importantes que ten o conxunto de Galicia -incluído o sector marítimo-pesqueiro- nos próximos anos. Neste sentido, salientou que é fundamental facer atractivos para a xente nova os oficios vencellados co mar e incidiu en que os GALP contan cun papel determinante neste obxectivo pois teñen demostrado que son un instrumento moi útil para a creación de emprego e riqueza vencellados ao mar dun xeito sustentable e respectuoso cos recursos.

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro lembrou que os grupos de acción local do sector pesqueiro fomentan a aprendizaxe e a cooperación entre territorios para avanzar no eido da economía azul e subliñou que a xornada Talento azul se enmarca neste obxectivo pois permite coñecer o labor realizado nos distintos territorios costeiros de Galicia. “Aproveitamos así as distintas experiencias e todos os recursos que nos dá o mar porque é importante compartir os éxitos e os fracasos para avanzar en beneficio do conxunto da comunidade”, destacou Susana Rodríguez.

Nesta liña, a representante da Consellería do Mar explicou que as accións desenvolvidas polos GALP veñen a constatar a importancia do mar como motor da economía de Galicia e contribúen a mellorar as condicións de traballo e de futuro das persoas que viven do mar. Por iso, insistiu, teñen un papel transcendental para superar o desafío que supón a remuda xeracional no eido marítimo-pesqueiro.

Xornada ‘Talento azul’

Este encontro está promovido polo GALP Ría de Arousa e consiste nunha sesión de traballo na que os oito GALP de Galicia presentarán os proxectos máis destacados dos seus territorios e intercambiarán experiencias e impresións sobre como avanzar no crecemento azul para acadar o desenvolvemento socioeconómico das zonas costeiras.

Os grupos de acción local do sector pesqueiro puxeron en marcha desde 2016 preto de 400 proxectos que mobilizaron un investimento total próximo aos 60 millóns de euros. Estas accións xeraron máis de 360 empregos directos a tempo completo e arredor de 2.100 postos de traballo nas actividades vencelladas co seu desenvolvemento, o que contribuíu a impulsar a economía local das zonas beneficiadas.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 29/10/2020