A Xunta aproba o teito de gasto máis alto da serie histórica para 2021: 11.664 millóns de euros centrados na loita contra a pandemia e na reactivación económica

Feijóo salienta que medra un 14,9% con respecto ao presente exercicio, o que vai permitir incrementar as capacidades de gasto ao redor de 1.500 M€

Sinala que “é excepcional, por ser o máis alto da serie histórica, polos recursos extraordinarios de fondos europeos e tamén pola cobertura do 1,1% do déficit público que decidiu o Goberno central para as comunidades autónomas”

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación do teito de gasto para 2021: 11.664 millóns de euros, centrados na loita contra a pandemia e na reactivación económica.

“Este teito de gasto é excepcional, por ser o máis alto da serie histórica, polos recursos extraordinarios que imos recibir de fondos europeos e tamén pola cobertura do 1,1% do déficit público que decidiu o Goberno central para as comunidades autónomas”, abundou, engadindo que “ten como obxectivos afrontar a pandemia sanitaria, a reactivación da economía e, na medida das nosas posibilidades, axudar ás familias, autónomos e pemes que están sufrindo a crise económica e social nos seus propios fogares”.

Nesta liña, subliñou que os orzamentos inclúen a parte que lle corresponde a Galicia da transferencia extraordinaria do Estado ás comunidades: 684,9 millóns de euros, resultado de aplicar o 1,1% de PIB estimado para Galicia en 2021. E os recursos de React-EU, dos que se inclúen unha previsión de 430 millóns de euros.

“E, en canto á capacidade de endebedamento autorizada a título orientativo polo Goberno central, que é do 1,1% do PIB, no caso de Galicia ascende a outros 684,9 millóns”, engadiu, incidindo que Galicia presuposta ese 1,1% porque o comportamento da débeda pública galega “foi moi rigoroso en exercicios anteriores” e, polo tanto, existe esa capacidade de endebedamento.

Con estes ingresos, Galicia contará cun límite de gasto de 11.664 millóns de euros, o que supón a maior cifra desde que existe este instrumento, dos cales: 9.864 millóns serán ingresos ordinarios e 1.800 millóns serán extraordinarios.

O presidente da Xunta salientou que o teito de gasto medra un 14,9% con respecto ao orzamento do presente exercicio, o que vai permitir incrementar as capacidades de gasto ao redor de 1.500 millóns en relación ao 2020, “que se dedicarán basicamente a investimento produtivo, a reactivación económica e a conter o desemprego”, anticipou.

Feijóo concluíu subliñando que o teito de gasto circunscríbese no cadro macroeconómico dunhas previsións de PIB e de emprego que son “realistas” e “non están maquilladas”. “Entendemos que a economía galega vai ter un decremento do PIB do 9,7% para este ano e, en termos de emprego, na taxa EPA imos pasar do 11,8% que acabamos de consolidar este último trimestre a un 12,3% a finais de 2020. Mentres, en 2021, a recuperación do PIB estimámola nun 8% e a taxa de paro subirá ata o 12,9%”, aseverou.

“En definitiva, actualizamos con realismo o cadro macroeconómico deste ano; aproveitamos ao máximo as posibilidades dado o noso menor endebedamento respecto ao resto das comunidades autónomas; e aprobamos un teito de gasto excepcional para manter os servizos públicos, facer unha bolsa moi importante dos gastos da covid e reactivar a economía con maior intensidade que nunca nun exercicio orzamentario”, concluíu, a modo de resumo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/10/2020