A Xunta resalta o papel dos axentes do Diálogo Social no desenvolvemento de medidas cara á reactivación económica

Os titulares de Economía, Facenda e Emprego da Xunta reuníronse en Santiago de Compostela con interlocutores da patronal e dos sindicatos

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, animou aos axentes socioeconómicos a identificar propostas para que poidan optar aos fondos europeos de reconstrución Next Generation

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avogou pola escoita como elemento imprescindible para avanzar propostas para a recuperación como o Plan de rescate de persoas traballadoras autónomas e microempresas

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2020

A Xunta de Galicia tendeu hoxe a man aos responsables da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e dos sindicatos UGT e CCOO para seguir colaborando na marcha das iniciativas autonómicas coas que se traballa para reactivar e impulsar a economía da Comunidade, atender ás necesidades das familias e das empresas. Foi nunha reunión celebrada en Santiago de Compostela con integrantes da Mesa de Diálogo Social na que participaron o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.

Durante o encontro, os titulares de Economía, Facenda e Emprego trasladáronlle á patronal e organizacións sindicais o seu convencemento de que, por unha banda, a colaboración do tecido socioeconómico permitirá amplificar a candidatura galega aos fondos europeos de recuperación no marco do programa Next Generation e, por outra, o Plan de rescate para persoas autónomas e microempresas, permitirán afrontar con garantías a crise sanitaria, reactivar e impulsar a economía e atender ás familias e empresas que están sufrindo máis as súas consecuencias. Todo iso só será posible, tal e como constataron, no marco do consenso cos axentes económicos e sociais, representantes do tecido empresarial e dos traballadores e traballadoras.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, agradeceu a predisposición á colaboración por parte dos axentes sociais e económicos, lembrando que o Diálogo Social resultou moi útil para levar adiante os primeiros pasos durante a pandemia.

Conde sinalou que a actual situación obriga a seguir activando todos os recursos dispoñibles para dar resposta a este novo reto e sentar as bases da recuperación, na que vai ser clave a consecución dos fondos europeos de reconstrución Next Generation. Neste ámbito, sinalou que Galicia presentou unha candidatura solvente e realista; cunha Comisión que vela polo seu correcto desenvolvemento; e sobre todo, cunha vontade de diálogo e integración, tanto dos interlocutores sociais como das empresas implicadas.

Tal e como recordou o vicepresidente económico, trátase duns fondos imprescindibles para impulsar a reactivación económica de Galicia a partir de iniciativas que están aliñadas cos obxectivos que marca Europa.

En total, a proposta inicial conta con 108 proxectos que grazas á colaboración público-privada acadarían un importe de máis de 9400 millóns de euros. Conde animou aos axentes socioeconómicos a colaborar para identificar novas propostas que se inclúan na lista final que se remita ao Goberno para optar aos fondos europeos.

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, abordou entre outras cuestións, o límite de gasto non financeiro para 2021 que vén de aprobar o Parlamento galego.

María Jesús Lorenzana, conselleira de Emprego e Igualdade, resaltou, pola súa banda, a importancia que o consenso cos axentes económicos e sociais está a ter para facer fronte ao impacto da covid-19. Considerou que todas e cada unha das medidas aprobadas para facer fronte ao impacto socioeconómico deben realizarse con diálogo e escoita activa aos representantes dos traballadores e do tecido empresarial.

Precisamente o contacto permanente coas organizacións de autónomos e cos representantes do Diálogo Social para facer fronte aos efectos da crise sanitaria foi a dinámica que se segue, lembrou a conselleira, para deseñar o Plan de rescate de persoas traballadoras autónomas e microempresas. O seu departamento perfila os últimos detalles co obxectivo de publicalo no Diario Oficial de Galicia antes de que acabe o mes e empezar canto antes a tramitar as axudas de xeito áxil e sinxelo.

O plan inclúe tres liñas de axudas: para autónomos, para microempresas ou autónomos con persoal contratado e unha urxente para a hostalaría. O obxectivo, sinalou Lorenzana, consiste en apoiar aos empresarios galegos para que poidan manter o emprego e facer fronte aos efectos do cese da actividade, axudándoos neta andaina cara a recuperación.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/11/2020