A Xunta subliña a importancia de impulsar o uso de madeiras locais na rehabilitación e na nova construción para consolidar a cadea de valor

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou na inauguración das ‘VI xornadas de rehabilitación. Máis madeira’ organizadas polo Clúster da Madeira e o Deseño

A Xunta vén de resolver a orde de axudas para fomentar o uso de madeira que permitirá mobilizar 13M€ co apoio a case un centenar de proxectos referidos a naves, locais comerciais e rehabilitación ou construción de vivendas unifamiliares
 

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2020

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, destacou hoxe na inauguración das VI Xornadas de rehabilitación. Máis madeira a importancia de impulsar o uso de madeiras locais na rehabilitación e na nova construción para consolidar a cadea de valor desde o promotor ata o dono do monte.

Insistiu en que este material debe ser clave na rehabilitación tanto en edificacións do rural como dos cascos históricos de vilas e ciudades, xa que se trata dunha actividade económica que usa man de obra cualificada como prescritores, carpinteiros, montadores ou restauradores.

Neste sentido, explicou que é necesario por a disposición dos profesionais garantías sobre o uso da madeira, por iso a Xunta avanza neste eido con convenios como o de Pemade para a caracterización de especies locais, a elaboración da Guía de Marcado CE para fabricantes ou a posta en marcha da ferramenta TRABE para o cálculo estrutural. Tamén se está a facilitar asesoramento a través de convenios como os asinados coa Universidade de Vigo ou a Catedral de Santiago; impulsando xornadas formativas e visitas técnicas a obras executadas en madeira e mesmo se promoven obras exemplares en edificios públicos. Así, puxo en valor o importante papel que nestes convenios está tendo o CIS Madeira, un centro de coñecemento con gran experiencia na construción.

Lema tamén lembrou que a Xunta vén de resolver a orde de axudas para promover o uso de madeira na que, entre outras iniciativas, se aprobaron 19 proxectos referidos a naves e locais comerciais e 89 a proxectos de rehabilitación ou construción de vivendas unifamiliares que permitirán unha mobilización de 13M€.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/11/2020