A directora do Cetmar interveu na apertura do encontro telemático Business2Sea 2020
Preto de 600 persoas de diferentes países debaten entre hoxe e o venres sobre a economía do mar na edición virtual do Business2Sea 2020

Unha conferencia sobre a economía azul no contexto do Pacto Verde Europeo abriu o evento internacional, que este ano se desenvolve en formato telemático

A directora do Centro Tecnolóxico do Mar, Paloma Rueda, destacou a aposta de Galicia pola unión da ciencia, a industria e a sociedade para avanzar cara a unha economía do mar máis sustentable

Vigo, 16 de novembro de 2020.- A recuperación da economía azul e a busca de novas solucións de financiación específicas para os sectores vencellados ao mar centrou a apertura do Business2Sea 2020, un evento internacional que, organizado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, e o clúster do mar de Portugal, Forum Océano, reunirá ata o venres a cerca de 600 inscritos nas tres conferencias e 11 talleres programados nos vindeiros cinco días.

A inauguración do B2Sea 2020 tivo lugar esta mañá nun acto que serviu para conmemorar o Día Nacional do Mar en Portugal e no que, xunto á directora de Cetmar, Paloma Rueda, e ao presidente de Forum Océano, António Nogueira, participaron diferentes autoridades como o ministro do Mar do Goberno de Portugal, Ricardo Serrâo; a secretaria xeral de Pesca de España, Alicia Villauriz, e a xefa da unidade de Innovación Marítima da DG Mare, Andreea Strachinescu.

Na súa intervención no acto de apertura, a directora do Cetmar avogou pola unión da ciencia, da industria e da sociedade “na busca dos coñecementos e solucións que posibiliten unha economía azul máis sustentable e produtiva”.

Paloma Rueda expresou tamén a adhesión de Galicia á celebración hoxe en Portugal do Día do Mar, un mar que “compartimos”, dixo, e que ten grande importancia como “regulador do clima, fonte esencial de alimento, xacemento variado de recursos, fonte de enerxía e vía prioritaria de transporte e comunicación”.

“Debemos coñecer e entender a influencia do mar nas nosas vidas e como influímos nós no mar”, apuntou, e insistiu en que “é crucial para vivir e actuar de forma sustentable”. Nesta liña subliñou que é clave “estar todos xuntos nisto, tanto os gobernos como a sociedade, a industria e a comunidade científica”.

A directora do Cetmar afirmou que o B2Sea se converterá ao longo desta semana nun foro de debate sobre os temas máis actuais relacionados coa economía do mar e asegurou que “a interacción entre participantes de diferentes países, perfís profesionais e disciplinas permitirá avanzar nas formas máis eficientes para enfrontar a transformación necesaria cara unha economía do mar máis sustentable”.

Ademais Paloma Rueda lamentou que as restricións sanitarias derivadas da pandemia da covid-19 obrigaran a programar un foro integramente virtual, xa que, recordou, esta nova edición do Business2Sea ía ter lugar por primeira vez na súa historia na cidade de Vigo. Mostrou así o agradecemento de Cetmar “a todos os que nos animaron a seguir adiante con este evento” e celebrou poder colaborar un ano máis “cos nosos compañeiros de Forum Océano” na súa organización.

Esta primeira xornada do B2Sea proseguirá esta tarde cun taller sobre as competencias na industria marítima no que Cetmar presentará o proxecto europeo Mates e o seu plan de acción para capacidades nos sectores da construción naval e as enerxías renovables mariñas. As conferencias, talleres e reunións de proxectos de investigación, así como as tradicionais curtas do mar e os encontros de negocio sucederanse nos vindeiros días.

Para mañá martes 17 de novembro a partir das 15,00 horas está prevista unha xornada da Rede Iberoamericana de Investigación Pesqueira -Rede Invipesca-, que conta con financiamento da Consellería do Mar. Nesta acción está prevista a participación de científicos de diferentes países de Iberoamérica, España e Portugal e ten como obxectivo fomentar a comunicación e as interaccións entre a investigación mariña europea e iberoamericana no marco dos desafíos e oportunidades para o desenvolvemento sustentable dos océanos. Toda a información do evento está dispoñible na súa páxina web.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 16/11/2020