A conselleira de Política, Fabiola García, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, visitaron hoxe a instalación, situada na Rampa de Claudio López
A Xunta cede a dúas entidades de atención ao alzhéimer e de saúde mental o antigo local de Apsnais

Fabiola García salienta que con esta medida se continuará coa atención a dous colectivos que nestes momentos son prioritarios: as persoas con alzhéimer e as que padecen doenzas mentais

Afalu abrirá neste espazo unha residencia de respiro familiar e un centro de día

Pola súa banda, Alume porá en marcha un centro de rehabilitación psicosocial e laboral, unha unidade de atención temperá, outra para a atención de trastornos de personalidade e un obradoiro de xardinería

Lugo, 17 de novembro 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou hoxe a cesión do antigo local da Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual (Aspnais), sito na Rampa de Claudio López, a dúas entidades: a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Lugo (Afalu) e a Alume Saúde Mental. A titular do departamento autonómico visitou esta mañá o emprazamento acompañada polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, para comprobar o estado das instalacións.

Fabiola García manifestou que con esta cesión se garante a continuidade da atención a dous colectivos que nestes momentos son prioritarios: as persoas con alzhéimer e as que padecen doenzas mentais. Neste sentido, Afalu porá en marcha no seu novo espazo unha residencia asistencial de respiro familiar de dez habitacións e un centro de día para persoas con alzhéimer. Pola súa banda, Alume abrirá nestas dependencias un centro de rehabilitación psicosocial e laboral, unha unidade de atención temperá, outra para a atención de trastornos de personalidade e un obradoiro de xardinería.

Con esta cesión a Administración autonómica dá un novo uso a estas instalacións que que con anterioridade albergaban a sede de Apsnais, hoxe trasladada ao antigo hospital de San José. Así mesmo, a Xunta pon a disposición das familias de Lugo servizos no ámbito asistencial e social.

Reparto de espazos

A Xunta de Galicia notificou a semana pasada ás dúas entidades lucenses a cesión destas instalacións por un prazo de 15 anos, con posibilidade de prórroga. Segundo o acordo, Afalu ocupará máis de 1.900 cadrados distribuídos entre a planta semisoto e a parte dereita da planta baixa, así como o espazo exterior situado en fronte da planta baixa do inmoble.

Pola súa parte, a cesión a Alume Saúde Mental é de 1.700 metros cadrados, repartidos entre as plantas semisoto, baixa e alta das ás central e sur; así como a parte do patio máis próxima a esas instalacións, a nave separada da edificación principal, a zona axardinada e as construcións que esta contén.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/11/2020