A Xunta destinou máis de 1,1 millóns de euros para aumentar a seguridade fronte á covid-19 nos areais de 44 concellos galegos

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, respondeu hoxe no Parlamento a unha pregunta sobre o Plan de seguridade nas praias posto en marcha pola Administración autonómica este verán

Apostou pola colaboración entre administracións para preservar a saúde e a economía
 

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2020

A Xunta destinou este verán máis de 1,1 millóns de euros para aumentar a seguridade fronte á covid-19 nos areais de 44 concellos galegos. O investimento destinouse ao reforzo das normas e pautas organizativas, á limpeza ou a adquisición de maquinaria para o acondicionamento das praias.

Así o sinalou hoxe a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, en resposta a unha pregunta parlamentaria sobre o balance do Plan de seguridade nas praias ante á covid-19 posto en marcha polo Goberno galego. Esta iniciativa inscríbese na aposta da Xunta pola colaboración entre administracións para preservar a saúde e a economía fronte á pandemia de coronavirus.

A directora xeral precisou que as axudas destináronse a aqueles concellos con poboación inferior a 40.000 habitantes; cun mínimo de 300 prazas de aloxamento; e con máis de 5 praias. En total, cumpren eses requisitos un total de 44 concellos.

En concreto, o investimento da Xunta destinouse a fins como a contratación de persoal para a limpeza e desinfección, o control de aforamentos ou a instalación de zonificacións nas praias. Os concellos beneficiarios tamén destinaron a axudas a adquirir materiais de limpeza e desinfección, cartelería ou á instalación de zonas de tránsito. Tamén se cubriron as gastos da adquisición de elementos materiais para a parcelación ou de máquinas de limpeza e desinfección.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/11/2020