España selecciona a candidatura da Ribeira Sacra a reserva da biosfera para elevala ante a Unesco para o seu ditame definitivo

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anuncia que o comité nacional do Programa Home e Biosfera que avalía todas as propostas españolas acaba de aprobar o expediente remitido pola Xunta o ano pasado

Se a candidatura obtén a declaración no ano 2021, este espazo entre as provincias de Lugo e Ourense converterase na sétima reserva da biosfera de Galicia, que contará así co 42% do seu territorio amparado baixo algunha figura de protección

A responsable autonómica visitou esta mañá a parroquia de San Fiz de Asma, en Chantada, cunha das paraxes de viñedos en bancais máis representativas da zona e que o vindeiro ano contará co seu propio Plan de Ordenación do Medio Físico para planificar as accións de protección, conservación e mellora sobre a contorna

O Goberno autonómico segue avanzando na posta en marcha do Plan de Acción Estratéxico para a Ribeira Sacra, que prevé un paquete de 10 medidas e proxectos para impulsar a dobre candidatura desta zona ante as Nacións Unidas

Chantada (Lugo), 18 de novembro de 2020-

A candidatura a reserva da biosfera da Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel acaba de superar o último trámite para poder someterse o próximo ano ao ditame definitivo da Unesco. Así o anunciou esta mañá en Chantada a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, pouco despois de que lle comunicaran que o Comité Español do Programa Home e Biosfera (MaB) acababa de darlle o visto bo por unanimidade ao expediente remitido pola Xunta hai un ano.

Deste xeito, tal e como explicou a responsable galega, a candidatura completa a súa tramitación en España e está lista para ser remitida á Unesco, que deberá pronunciarse en última instancia sobre a declaración definitiva o ano que vén.

Ademais, resaltou que a Ribeira Sacra será o único espazo en todo o país que opte a converterse en reserva da biosfera en 2021, xa que, indicou, o resto das propostas non superaron o ditame do Comité, órgano consultivo responsable de avaliar as candidaturas e deliberar sobre cales merecen seguir a tramitación.

A decisión supón tamén un aval ao traballo liderado pola Xunta nos últimos dous anos para sacar adiante a mellor candidatura posible. Cómpre lembrar que a memoria técnica remitida a finais do ano pasado a Madrid foi froito dun longo e minucioso traballo no que participaron numerosas persoas, colectivos e institucións interesadas en acadar o desenvolvemento sostible dun territorio que alberga unha gran riqueza natural e cultural.

De feito, o resultado foi un documento serio, rigoroso e froito dun gran consenso previo, como demostran os escritos emitidos por 41 entidades públicas para amosar o seu apoio formal á candidatura da Ribeira Sacra.

O próximo paso, como lembrou a conselleira, será trasladar o expediente completo á Secretaría Internacional do Programa MaB da Unesco, en París, que deberá pronunciarse en última instancia sobre a solicitude e tomar a decisión definitiva no ano 2021.

Se a candidatura supera o filtro do consello de coordinación do programa, o territorio conformado pola Ribeira Sacra e as serras de Oribio e Courel converteranse na sétima reserva da biosfera de Galicia, un dos recoñecementos de carácter internacional máis importantes en relación coa conservación e o uso sustentable do patrimonio.

O 42% do territorio galego, baixo protección

Coa súa incorporación, a extensión en Galicia coa catalogación de reserva da biosfera incrementaríase ata chegar ao 34% do territorio, e o 42% da superficie galega quedaría amparada baixo algunha figura de protección, de aí a importancia desta candidatura de cara a afianzar o recoñecemento internacional do patrimonio natural da comunidade.

Así mesmo, Ángeles Vázquez lembrou que este amplo territorio a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense está tamén un pouco máis cerca de obter un triplo recoñecemento por parte do organismo internacional.

Cómpre lembrar que a primavera pasada a Unesco declarou o Xeoparque Montañas do Courel, converténdose deste xeito no primeiro espazo natural deste tipo en Galicia; e ademais, a Consellería de Cultura traballa desde hai tempo na candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial.

Neste sentido, a conselleira de Medio Ambiente explicou que o ano pasado o seu departamento promoveu o Plan de Acción Estratéxico de Ribeira Sacra co obxectivo de impulsar as dúas candidaturas deste territorio ante a Unesco –a da Reserva da Biosfera e a de Patrimonio Mundial- e aumentar as súas posibilidades de obter estes recoñecementos.

O devandito plan contempla un paquete de 10 actuacións de carácter ambiental, de ordenación do medio físico e de rehabilitación patrimonial dotadas cun orzamento de 3,5 millóns de euros. Unha delas, precisamente, centrarase na parroquia de San Fiz de Asma, unha das paraxes de viñedos en bancais máis representativas da zona e que visitou hoxe a conselleira no Concello de Chantada.

Segundo anunciou Ángeles Vázquez, esta zona contará o próximo ano co seu propio Plan de Ordenación do Medio Físico (POMF), un documento de referencia para planificar as accións de protección, conservación e mellora sobre a contorna de San Fiz que acaba de iniciar a súa tramitación ambiental e que a Consellería terá que resolver en tres meses.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/11/2020