Luisa Piñeiro destaca o apoio da Xunta ás escolas infantís de iniciativa social na visita a gardería 'Pipo' de Pontevedra, na que se invisten 171.845 € este ano

A Consellería de Política Social entregoulle unha axuda de 123.348€ para funcionamento e outra de máis de 29.000€ pola gratuidade da atención educativa dos segundos fillos

A delegada territorial louva os case quince anos de traballo desta gardería na súa visita e garante as políticas de conciliación e de apoio á educación infantil do Goberno galego
 

Pontevedra, 19 de novembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, visitou esta mañá a Gardería Pipo, emprazada no barrio da Parda de Pontevedra, para coñecer o seu funcionamento e as melloras proxectadas nas súas instalacións grazas ás axudas da Consellería de Política Social, que achegou un total de 171.845€ no presente ano. Piñeiro destacou, ademais, o “gran apoio e implicación” do Goberno galego cos centros e con outras actividades de conciliación promovidas por iniciativas sociais ou benéficas.

A representante autonómica valorou a “política global e integral de conciliación da Xunta apoiando estas iniciativas sociais, ofrecendo outras alternativas, como as casas niño, de gran importancia nas zonas rurais, e artellando facilidades para as familias a través da gratuidade total para a matrícula dos segundos fillos, que está vixente dende o pasado 1 de abril e que se implanta por vez primeira nun curso completo”.

Funcionamento e melloras

A delegada territorial explicou, tras percorrer as instalacións coas educadoras, que esta escola, en funcionamento dende o ano 2006 como centro escolar sen ánimo de lucro, recibíu este ano 123.348€ do executivo autonómico para investir no seu funcionamento e máis de 29.000€ pola gratuidade da atención educativa dos segundos fillos, unha medida pioneira en toda España activada este ano polo Goberno galego.

Ademais, e ao abeiro da orde de axudas para mellora de infraestruturas e equipamentos das escolas infantís dependentes de entidades privadas de iniciativa social, Pipo recibirá unha subvención de 19.263€ que se destinará ao pintado das aulas e do corredor e á mellora do equipamento con mobiliario, robot amasador, aspirador, microondas, tabletas, ordenador e impresora.

Máis de 90 nenos

Luisa Piñeiro, que louvou a traxectoria e o traballo dunha gardería con seis unidades e con 89 cativos de 0 a 3 anos neste curso, revelou que a Consellería de Política Social subvenciona este ano oito actuacións de melloras e equipamentos en escolas infantís de iniciativa social nas bisbarras de Pontevedra, O Salnés e Deza-Tabeirós coa partida de 400.000€ habilitada para toda Galicia. Ademais deste centro de Pontevedra, os outros beneficiarios son As Saíñas, de Poio; Escola Infantil Integral Dalila, de Marín; Ceo Azul, de Bueu; Abrente, de Sanxenxo; Sonrisas y Lágrimas, de Vilanova de Arousa; Elfos, da Estrada; e María Inmaculada, de Silleda; por un importe global de máis de 164.000€.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/11/2020