O conselleiro de Educación inaugurou o encontro de profesorado vinculado ás bibliotecas dos centros
As políticas da Xunta en materia de bibliotecas escolares cuadriplicaron as visitas dos estudantes a estes espazos

Segundo un estudo que analiza a evolución nos últimos 15 anos, o 87% dos alumnos de Primaria visítanas polo menos unha vez á semana

Estes resultados confirman que as bibliotecas escolares galegas son referentes a nivel nacional e internacional

De feito a Rede de bibliotecas escolares de Galicia está entre os nomeados ao premio Astrid LindGren, un dos máis prestixiosos do mundo no ámbito do libro infantil e xuvenil e a promoción da lectura

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2020

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou hoxe o encontro Bibliotecas Escolares de Galicia 2020 na rede, onde destacou que as políticas da Xunta nesta materia multiplicaron por catro as visitas dos estudantes galegos a estes espazos. No transcurso da súa intervención o conselleiro adiantou algúns dos resultados do estudo As bibliotecas escolares de Galicia 2005-2020: Principais achegas e retos para os anos 20 do século XXI, coordinado por Inés Miret, no que se inclúe o devandito análise.

Neste sentido, Román Rodríguez explicou que o 87% dos nenos e nenas de Primaria vai á biblioteca unha vez á semana, o 50% no caso do alumnado de Secundaria, mentres que no 2011 visitan a biblioteca unha vez ao mes o 73% dos estudantes de Primaria e o 54% dos de Secundaria. Isto significa que a frecuencia de visitas do estudantado galego ás bibliotecas dos seus centros multiplicouse por catro con respecto aos resultados obtidos nun estudo realizado en España en 2011.

Segundo o avance de resultados do estudo, as bibliotecas van moito máis aló de ser espazos para a lectura. De feito, o 70% dos alumnos e o 85% dos profesores consideran que son o motor da actividade escolar. Tal e como explicou o conselleiro, os alumnos ven a biblioteca como “un espazo para o estudo, a investigación e o coñecemento. Non en van o 75% dos estudantes de Primaria acode a estes espazos para actividades formativas relacionadas coas TIC”.

As bibliotecas escolares son, polo tanto, lugares transversais de creación e coñecemento. O 36% dos seus usuarios empréganas para a creación de arte, outro 36% realiza nelas materiais audiovisuais, un 30% desenvolve nestes lugares programas de radio e un de cada cinco estudantes obradoiros de robótica.

Así mesmo, o 58% dos estudantes afirma que na biblioteca do seu centro educativo aprende a manexar a información dun xeito crítico, unha cifra que multiplica por cinco os datos do ano 2011 a nivel do Estado.


Un referente internacional

O conselleiro de Educación quixo agradecer aos participantes no encontro –que se celebra de xeito telemático– o seu traballo, grazas ao que é posible acadar resultados coma os de este estudo, que falan “dun modelo exitoso e transformador” e dunhas bibliotecas escolares que son “un referente a nivel galego, nacional e mesmo internacional”.

De feito, o conselleiro anunciou que a Rede de Biblioteca Escolares de Galicia está entre os nomeados ao premio Astrid LindGren, “un dos recoñecementos máis valorados no mundo do libro infantil e xuvenil a nivel internacional”. O propio feito de estar entre os candidatos, explicou Román Rodríguez, “é xa un recoñecemento en si mesmo, xa que falamos de 263 proxectos de 69 países”. O gañador do galardón, outorgado polo Goberno sueco, coñecerase na primavera de 2021.

Encontro de bibliotecas

O encontro Bibliotecas Escolares de Galicia 2020 na rede desenvolverase ao longo desta tarde e das xornadas do 20 e 21 de novembro de xeito telemático, coa participación de preto de 1000 docentes. Esta nova modalidade contempla sesións retransmitidas en directo (total ou parcialmente), que serán obrigatorias para os participantes que desexen obter o certificado, así como sesión optativas con temáticas diversas.

Como xa é habitual, estarán representadas as boas prácticas das bibliotecas escolares de varios centros educativos galegos, nesta edición as do CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño), CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Vigo), IES Punta Candieira (Cedeira), IES Celanova Celso Emilio Ferreiro (Celanova), CEIP O Graxal (Cambre), CEE Manuel López Navalón (Santiago de Compostela), CEIP Lamas de Abade (Santiago de Compostela), EOI de Lugo, CEIP de Meaño-As Covas (Meaño) CEIP A Lama (A Lama), IES Plurilingüe Aquis Celenis (Caldas de Reis), CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal), IES Valadares (Vigo), CEIP Canosa-Rus (Coristanco), CRA de Culleredo, CEIP da Pobra de Brollón e CEIP Víctor Sáenz (Mazaricos).

A conferencia inicial deste encontro virtual, cun programa intenso e plural arredor da biblioteca escolar e a lectura, está a cargo da investigadora de nivel internacional Inés Dussel, estadounidense, doutora pola Universidade de Wisconsin e membro do Sistema Nacional de Investigadores de México, que exerce as súas investigacións no campo da pedagoxía e a socioloxía histórica do currículo e a escola. Actualmente traballa arredor das políticas e pedagoxía da imaxe e dos novos medios dixitais en educación.

Participan tamén no encontro a catedrática e investigadora da Universidade de Valencia, Gemma Lluch, a doutora en Documentación e profesora na Universidade de Barcelona, Mónica Baró, e Inés Miret, consultora especializada en proxectos dixitais de lectura, libro e bibliotecas e coordinadora do equipo de investigación que levou a cabo o devandito estudo sobre as bibliotecas galegas. Así mesmo, toman parte María José Masanet, profesora da Universidade de Barcelona, a editora Ana González Lartitegui ou Lucas Ramada, experto en ficción dixital infantil e xuvenil, completan un elenco de expertos, xunto coa xornalista Susana Pedreira e a libreira Mercedes Corbillón. Javier Pérez Iglesias, bibliotecario da Facultade de Bellas Artes da Universidade Complutense de Madrid, pechará este encontro.

Premio dos clubs de lectura 2020

No marco deste encontro farase entrega do premio dos clubs de lectura 2020 á autora Andrea Maceiras, que resultou merecedora deste galardón, á vista dos resultados de lectura dos clubs 2018/2019. Andrea Maceiras é unha das autoras máis seguidas polo lectorado infantil e xuvenil galego. A súa novela Conta nove estrelas, obtivo o Premio Lazarillo 2018. Dous dos seus títulos, O que sei do silencio e Europa express están incluídos entre os 50 libros máis lidos nos Clubs de lectura no citado curso.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/11/2020