As redeiras artesás galegas fórmanse en Buño para aplicar o seu oficio ao eido da decoración

Esta fin de semana comezará un novo curso impulsado pola Xunta que impartirá a deseñadora Raquel de Sousa e no que participarán redeiras dos portos de Malpica, Corme e A Coruña

Esta actividade está enmarcada no proxecto Enredadas, co obxectivo de diversificar o oficio tradicional das redeiras en Galicia

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2020

Esta fin de semana comezará en Buño (Malpica de Bergantiños) o último dos cursos de formación especializados deste ano para o colectivo das redeiras artesás galegas que organiza a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Fundación Artesanía de Galicia, e en colaboración coa Consellería do Mar. A actividade enmárcase no proxecto Enredadas, no que ambos os dous departamentos colaboran desde o ano 2012 co obxectivo de diversificar o oficio tradicional das redeiras en Galicia.

No curso “Iniciación á aplicación das técnicas das redeiras ao sector da decoración”, que se desenvolverá os días 21, 22, 28, 29 de novembro e o 5, 11 e 12 de decembro, participan 8 profesionais redeiras que desenvolven o seu traballo nos portos de Malpica, Corme e A Coruña. De novo, cóntase coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños para o uso das instalacións do Centro de Interpretación do Buño Oleiro e Terras de Bergantiños.

Da man da deseñadora Raquel Sousa, as redeiras aprenderán a empregar as técnicas do seu oficio para crear novos produtos vinculados ao fogar, un sector no que a artesanía se atopa en claro crecemento.

Enredadas constitúe un exemplo de diversificación do oficio tradicional das redeiras en Galicia, que está a abrir novas oportunidades de negocio para estas artesás a través doutros ámbitos como a moda, os complementos ou a decoración. Este proxecto foi o que propiciou que a Fundación Artesanía de Galicia fose galardoada como exemplo de boas prácticas co Premio Promociona para Entidades Públicas na XI edición dos Premios Nacionais de Artesanía 2016.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/11/2020