Sanidade suaviza as restricións no Carballiño e incorpora aos concellos de Vilalba e A Laracha á listaxe de municipios con medidas especiais

O concello da Laracha pasa a formar parte do grupo con restricións perimetrais xunto coa Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica de Bergantiños e Ponteceso

Tras avaliar dun xeito específico os datos do concello de Vilalba, o subcomité clínico tamén decidiu establecer medidas adicionais no municipio lucense

Os concellos de Ribeira e A Rúa, malia continuar polo de agora co mesmo nivel de restricións, serán obxecto dunha vixilancia especial por parte do comité clínico

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2020

O subcomité clínico de expertos que fai seguimento á evolución de covid-19 en Galicia vén de acordar o establecemento de novas medidas restritivas nos concellos de Vilalba e A Laracha, ao tempo que decidiu suavizar as restricións vixentes no concello ourensá do Carballiño.

Tras a xuntanza deste venres, o grupo de expertos que avalía a expansión do coronavirus na comunidade galega acordou incorporar dous novos concellos ao grupo de municipios con restricións especiais.

Na provincia da Coruña, o concello da Laracha incorporarase desde esta medianoite ao conxunto de municipios da comarca de Bergantiños, co que, ademais de ver incrementadas as súas restricións, a súa mobilidade tamén ficará restrinxida ao ámbito territorial conformado polo concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica de Bergantiños e Ponteceso.

Así mesmo, o concello lugués de Vilalba verá reforzadas as súas restricións desde as 00:00 horas.

Entre as novas decisións adoptadas hoxe destaca o levantamento das restricións especiais no concello do Carballiño, onde, desde esta medianoite, rexerán as medidas do nivel 2.

Ademais, cómpre salientar que as localidades de Ribeira e A Rúa, malia continuar co mesmo nivel de restricións actual, o subcomité clínico acordou implementar unha observación específica á súa evolución epidemiolóxica.

As medidas serán publicadas na xornada de hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e entrarán en vigor a partir das 00:00 horas desta medianoite.

Unha vez máis, a Xunta de Galicia lembra a obrigatoriedade de cumprir as normas restritivas para facer fronte á pandemia e solicitando a máxima colaboración dos concellos e das Forzas de Seguridade do Estado para a vixilancia das mesmas.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña subliña que se se cumpren as medidas decretadas polo Executivo galego, os concellos poderán aliviar paseniñamente as súas restricións”.

Data de actualización: 20/11/2020