A Xunta invita á cidadanía a sumarse á andaina virtual 'Camiño ao respecto' e amosar o seu rexeitamento á violencia de xénero

A Xunta anima aos galegos e galegas a que camiñen polo seu concello ou comarca e compartan as súas imaxes nas redes co hashtag #camiñoaorespecto desde o domingo ata o próximo día 30

Máis de 1.300 persoas formalizaron a súa inscrición aínda que o prazo seguirá aberto ata o próximo 27 de novembro

As persoas interesadas poden apuntarse á iniciativa, enmarcada nos actos do 25-N, Día internacional para a eliminación da violencia de xénero, a través do enderezo web: www.caminoaorespecto.gal

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2020

A Xunta convida á cidadanía a sumarse a tradicional andaina contra a violencia de xénero que cada ano convoca con motivo do 25 de novembro -Día internacional para a eliminación contra a violencia de xénero-. Ante a imposibilidade de reunir a centos de persoas en Santiago de Compostela, como é habitual en cada convocatoria, o Goberno autonómico anima ás galegas e galegos a sumarse a este Camiño ao respecto nos seus municipios, atendendo as restricións que lles poidan afectar polas medidas sanitarias da covid-19 e, despois, achegar fotografías ou vídeos do seu camiño, realizado entre os próximos días 22 e 30 de novembro (dentro da semana contra a violencia de xénero) ás redes sociais por medio do hashtag #camiñoaorespecto ou envialas ao whatsapp do número 669 962 249.

A iniciativa, enmarcada na semana de actos que rodean o 25 de novembro, Día internacional para a eliminación da violencia de xénero, pretende sumar apoios entre a cidadanía e fomentar a súa participación activa no rexeitamento público e formal contra a violencia de xénero e sensibilizar, a maiores, sobre a importancia de valores como o respecto e a igualdade entre homes e mulleres.

Ata o momento máis de 1.300 persoas formalizaron a súa inscrición por medio do formulario dispoñible na páxina web: www.caminoaorespecto.gal. O prazo permanecerá aberto ata o próximo 27 de novembro.

A Xunta anima ás galegas e galegos a sumar apoios. Nos últimos sete anos a andaina celebrábase de xeito físico polo traxecto comprendido entre o Monte do Gozo á Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela.

A pesar da pandemia, o Goberno galego non quere prescindir deste acto simbólico, ao que invita a sumarse á cidadanía coa mensaxe “recordemos que cada quilómetro suma, cada acción é importante, e xuntos e xuntas somos máis fortes para loitar contra a violencia de xénero”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/11/2020