A Xunta realiza traballos de conservación e limpeza no treito interurbano do río Tambre, no concello de Trazo

As actuacións de mantemento están a desenvolverse no tramo do río ao seu paso pola contorna da praia fluvial e recreativa de Chaián

As actuacións de Augas de Galicia consisten na retirada de árbores e pólas caídas sobre a canle

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade persegue a mellora dos leitos fluviais e favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de limpeza de conservación no tramo interurbano do río Tambre, no municipio de Trazo.
Estes traballos de mantemento e conservación están a desenvolverse ao paso deste río pola contorna da praia fluvial e recreativa de Chaián, na parroquia de Santa María de Chaián.
As actuacións que se están a levar a cabo céntranse na retirada de árbores e pólas caídas e madeira morta na canle. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Estas accións enmárcanse no programa de mantemento de Augas de Galicia, de conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-centro e as súas zonas de acceso e protección.

Este tipo de traballos da administración hidráulica da Xunta permiten a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema dos ríos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/11/2020