A Xunta dá a coñecer na Maker Faire proxectos de 14 centros de ensino que apostan pola inclusión e a innovación educativa

O secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, participou na apertura da xornada de educación da Galicia Maker Faire Galicia

Mira destacou o “bo facer de alumnado e docentes que se reflicte en proxectos tecnolóxicos como un minisatélite, unha estación de control de augas ou aplicacións para crear escolas máis inclusivas e seguras nos tempos da covid-19”

A través da plataforma en liña do evento preséntanse proxectos ‘maker’ de 14 centros de ensino de primaria, secundaria e FP de Galicia, ademais doutros do resto de España, Portugal e Brasil

Unha decena de finalistas –entre eles oito galegos– optan aos tres galardóns do certame, que recibirán como premio uns kits de robótica e electrónica básica

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2020

O secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta, José Luis Mira, chamou a atención esta mañá sobre a innovación que se está a desenvolver desde os centros de ensino galegos, presentando como exemplo os proxectos maker dos 14 centros de primaria, secundaria e formación profesional que se presentan hoxe na xornada educativa da Maker Faire Galicia 2020. Un pequeno satélite, unha estación de baixo custo para o control da calidade da auga, ou o emprego da tecnoloxía ao servizo dunha educación máis inclusiva e segura nos tempos da covid-19, son algúns dos proxectos que se darán a coñecer nesta xornada da Maker Faire Galicia 2020, que por vez primeira dedica todo un día ao ámbito educativo.

O programa pode seguirse enteiramente en liña desde calquera lugar e, ademais de mesas redondas, charlas e obradoiros destinados a docentes e alumnado, inclúe as presentacións de 28 proxectos de argalleiros e argalleiras de Galicia, do resto de España, Portugal e o Brasil. O secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta participou na apertura do encontro, onde destacou “o bo facer de alumnado e docentes que se reflicte en proxectos tecnolóxicos como un minisatélite, unha estación de control de augas ou aplicacións para crear escolas máis inclusivas e seguras nos tempos da covid-19”.

Neste sentido, José Luis Mira tamén recoñeceu a calidade dos proxectos presentadas nesta edición da Maker Faire, onde podemos coñecer ideas de todo tipo, desde iniciativas para que os máis pequenos da escola traballen a motricidade fina e dean os seus primeiros pasos na robótica, ata un robot deseñado para axudar na xestión das emocións aos nenos e nenas con TEA, ou enxeñosas ideas para aplicar a tecnoloxía fronte á pandemia, abrindo roupeiros e portas sen chave ou accedendo aos ordenadores sen teclear”.

Proxectos ‘maker’ dos centros de ensino

Do total de 28 proxectos presentados no ámbito educativo, unha decena de finalistas presentan o seu pitch en liña para seren avaliados por un xurado especializado do CAFI, que decidirá os tres galardóns do certame. Ademais do recoñecemento ao seu traballo, recibirán como premio uns kits de robótica e electrónica básica para continuar a desenvolver proxectos creativos e tecnolóxicos desde o centro de ensino.

Entre os 14 centros de primaria, secundaria e FP galegos que participan no encontro atópanse por exemplo o IES A Pinguela de Monforte de Lemos, que deseñou e construíu unha recreativa arcade totalmente personalizada e montada polo alumnado; o IES David Buján de Cambre, con dous proxectos para a creación dunha estación de baixo custo para o control da calidade da auga dos ríos ou un espazo biomaker para facer investigacións de biotecnoloxía en colaboración con escolas de Lituania, Italia e Macedonia. Desde o IES Sánchez Cantón de Pontevedra preséntase tamén un proxecto de minisatélite desenvolvido por seis estudantes de Bacharelato para a competición Cansat convocada por ESERO-Spain –organismo dependente da Axencia Espacial Europea–.

No ámbito máis social, atopamos tamén proxectos que empregan a tecnoloxía como ferramenta de axuda e inclusión, como o presentado polos IES Zalaeta e o Centro de Educación Especial Nuestra Señora de Lourdes, da Coruña, ou o proxecto Instituto Ensino Secundario Seguro, xurdido no IES Maximino Romero de Lema da Coruña dentro das medidas de adaptación ao contexto da covid-19, co fin de crear espazos seguros dentro do centro educativo que reduzan o contaxio do virus SARS-COV2. Con este proxecto preténdese impulsar as habilidades STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) do alumnado, ao mesmo tempo que se procuran ideas enxeñosas para aplicar a tecnoloxía fronte á pandemia e entre as que se atopan abrir os roupeiros ou as portas sen chave, ou acceder a ordenadores con tarxetas sen necesidade de tocar o teclado.

Un Museo Gaiás en 360º

Desde a plataforma en liña da Maker Faire Galicia 2020 (https://makerfairegalicia.com/gl), pode accederse a todos os contidos do programa destes cinco días dedicados á creatividade e ao enxeño. Permitindo ás persoas visitantes circular virtualmente polo interior dun Museo Gaiás recreado en 360 grados, o sistema ofrece a posibilidade de conectar a través de videoconferencia cos makers que expoñen os seus proxectos. Tamén a través da mesma web se pode acceder a todos os obradoiros, charlas e mesas redondas programadas, nas que ademais de educación se tratan temas como aeronáutica, automoción, alimentación, enerxía, saúde, economía circular, videoxogos ou innovación social.

Entre os relatores máis destacados do encontro atópanse Yannick Roy, co-fundador e director da comunidade máis grande do mundo de neurotecnoloxía (NeuroTchX); Sofía Belenguer, co-creadora e CEO de MyRealFood, a app que axuda a levar unha dieta saudable baseada en comida real; ou Maitane Alonso, a maker que con só 18 anos sorprendeu á NASA coa súa máquina de conservación de alimentos.

A Maker Faire Galicia 2020 celebrarase co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago e Asociación para el Progreso de la Dirección (APD).
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/11/2020