A dixitalización das pemes galegas, obxectivo prioritario para a Xunta de Galicia

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, explicou na visita á empresa vilalbesa Pelé Design & Retail que a transformación dixital do tecido empresarial é un dos principais retos do Goberno galego

A compañía, dedicada á construción e á segunda transformación da madeira, está a implantar un plan de innovación para acometer a dixitalización dos seus procesos co apoio dos programas InnovaPeme e Principia da Xunta

A nova convocatoria de axudas Conecta Hubs, dotada con 6,8M, apoiará a realización de proxectos colaborativos de I+D+i no ámbito da dixitalización

Vilalba, 20 de novembro de 2020

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá a empresa vilalbesa Pelé Design & Retail, empresa familiar vencellada aos sectores da construción e da segunda transformación da madeira, que está a abordar a dixitalización dos seus procesos co apoio do programas InnovaPeme e Principia da Xunta de Galicia.

Argerey explicou que para a Xunta de Galicia resulta prioritario visibilizar o esforzo que están a facer as pequenas e medianas empresas galegas, especialmente as ubicadas en entornos rurais, por modernizarse, innovar e estar á vangarda.

Tamén transmitiu unha dobre mensaxe: por un lado, que a innovación non está reservada ás grandes empresas, as pemes tamén poden innovar, e, por outro lado, que no contexto de pandemia actual faise máis necesario que nunca innovar para superar a coxuntura actual e saír reforzados.

Argerey apuntou que a transformación dixital das empresas é unha das prioridades do plan de recuperación europeo poscovid, que inclúe o programa Digital Europe e para a Xunta de Galicia que ten en marcha unha Estratexia galega de Hubs de Innovación Dixital que persegue estender o impacto positivo da innovación baseada na transformación dixital a todas as empresas galegas, especialmente as pemes.

Argerey puxo como exemplo a empresa Pelé que está a incorporar a innovación na súa estratexia de empresa grazas ao apoio da Xunta de Galicia, a través do programa Principia
-para a contratación dun técnico de I+D+i na empresa- e o programa InnovaPeme para a implantación dun plan de innovación. En concreto, está creando un departamento de I+D+i transversal a toda a empresa, entre outras medidas organizacionais, e dixitalizando os seus procesos produtivos, a través do deseño e desenvolvemento dun sistema intelixente para predicións de mantemento, calidade e eficiencia. Esta aposta pola innovación estalle permitindo á empresa mellorar a eficiencia dos seus procesos, asegurar a calidade do produto e abrirse cara novos mercados.

Nova liña de apoio á transición dixital

Os Hubs de Innovación Dixital son un novo instrumento que ten como obxectivo proporcionarlle ás pemes unha canle rápida e eficiente de abordar a súa dixitalización. Actualmente, en Galicia, hai dous Hubs constituídos, que facilitarán o acceso das pemes a tecnoloxías punteiras como a robótica, a intelixencia artificial, a big data ou o Internet das Cousas, entre outras.

Precisamente, hoxe vén de aprobar o Consello da Xunta unha nova convocatoria de axudas de Gain, Conecta Hubs, para financiar proxectos de I+D+i en colaboración entre pemes no ámbito da dixitalización. Dotada con 6,8 millóns de euros, financiará proxectos de I+D+i aliñados coas áreas estratéxicas dos dous Hubs de Innovación Dixital galegos. Segundo Argerey, ábrese así unha nova liña de apoio á transición dixital das pemes galegas que contribúe a mellorar a súa competitividade, o que redundará nun reforzo da capacidade da economía galega para afrontar a recuperación tras a pandemia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/11/2020