Portos de Galicia aproba a nova delimitación de espazos e usos portuarios de Santo Tomé e Tragobe, en Cambados

O Consello de Administración do ente público ratificou o documento que regula a distribución da actividade na zona portuaria

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2020

Os peiraos autonómicos de Santo Tomé e Tragobe, no municipio pontevedrés de Cambados, teñen actualizado o documento de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP) que planifica e define os usos previstos para cada unha das diferentes áreas da zona de servizo portuario, incluíndo os espazos de terra e auga. O Consello de Administración de Portos de Galicia ratificou esta semana a modificación substancial de dito plan, tras superar o trámite de exposición pública previa e contar co informe dos organismos competentes.

A DEUP recolle o ordenamento do espazo e a distribución das actividades que se desenvolven ou poderán desenvolverse no futuro nas diferentes zonas que delimita dentro do dominio público portuario. Trátase dunha ferramenta necesaria para ordenar a relación entre os portos e as vilas que os acollen, avanzando na cohesión entre o tecido urbano e as infraestruturas portuarias.

Os peiraos de Cambados contaban xa con este documento, non obstante, cando esta delimitación foi redactada, non se incluíron unha serie de terreos que se atopaban fóra da zona de servizo definida na acta de transferencia do porto a Galicia e que na actualidade están integrados no dominio público portuario competencia da comunidade autónoma. A modificación aprobada esta semana ten por obxecto definir o uso asociado a esas áreas que non se atopaban recollidas no documento anterior e que, en consecuencia, carecen dun uso asignado que considere as posibles actividades que se poden desenvolver.

Ademais, tamén era necesario regularizar a delimitación da zona de servicio no noroeste das instalacións de Tragobe, onde foi detectada a existencia dun expediente de expropiación dun grupo de fincas da época na que se ampliou o peirao con posterioridade á aprobación da DEUP. Por último, e coa fin de mellorar a interacción porto-cidade, defínese a reasignación do uso da área na que se atopa o mercado de abastos, describindo a superficie de que se trata así como as características precisas do novo uso.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 22/11/2020