Feijóo destaca a aprobación dos Orzamentos máis altos da historia: con máis gasto social e co maior esforzo investidor para reactivar Galicia

Recorda que as contas que se acaban de aprobar dispoñen de 11.563 millóns de euros para dar resposta aos retos que Galicia afronta neste momento

“Por primeira vez dedicamos menos de 100 millóns de euros a pagar os xuros da débeda”, salienta

Destaca que aumentan un 53,3% os gastos de capital e sobrepasa a cifra récord de 2.500 millóns de euros, o que significa multiplicar por tres o investimento territorializado para Galicia previsto no proxecto dos Orzamentos Xerais do Estado

“E no ámbito do investimento, quixera facer un apartado específico para o Xacobeo: 61,7 millóns de euros dedicado ao Xacobeo descentralizado en toda Galicia”, di

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación do proxecto de lei de Orzamentos para a Galicia do Xacobeo. Os orzamentos máis altos da historia, con máis gasto social e co maior esforzo investidor para reactivar Galicia.

En primeiro lugar, Feijóo resaltou a elaboración dos orzamentos nun tempo récord, “en 5 semanas”, de forma que, nun ano excepcional, a previsión -dependendo da tramitación parlamentaria- é que no mes de xaneiro xa estean aprobadas as contas do exercicio 2021. “Os actuais orzamentos acreditaron ser útiles nunha remodelación orzamentaria que fixemos no mes de abril, onde destinamos 3.500 millóns de euros dos orzamentos do 2020 para a pandemia”, destacou, engadindo que Galicia necesita unhas contas pensadas para a pandemia desde o primeiro instante, “e estas estano para facer fronte á pandemia, ao seu impacto nas familias, nos traballadores, nas empresas, nos servizos públicos e na transformación do capital de Galicia”.

O titular do Goberno galego destacou que o obxectivo é reactivar Galicia. Para iso, dixo, “é necesario garantir a estabilidade do país durante o próximo 2021”, porque a estabilidade “é un activo económico dunha extraordinaria importancia”.

Ao longo da rolda de prensa do Consello, Feijóo recordou que as contas que se acaban de aprobar dispoñen de 11.563 millóns de euros para dar resposta aos retos que Galicia afronta neste momento, con tres prioridades: seguir combatendo a pandemia; reactivar económica e socialmente Galicia; e atender as necesidades das familias, dos traballadores e das empresas que están en risco laboral medio ou máximo.

Trátase do presuposto que dedica menor gasto para pagar os xuros da débeda. “Por primeira vez dedicamos menos de 100 millóns de euros a pagar os xuros da débeda”, salientou, explicando que “Galicia é a comunidade que menos incrementou a débeda pública nos últimos 11 anos” e que, por iso, “cada galego e galega debemos 2.095 euros menos que o resto dos españois só no que se refire a débeda autonómica; e, en dez anos, evitamos emitir 5.654 millóns”.

Diante disto, Feijóo aseverou que Galicia está na mellor posición entre as comunidades para endebedarse o necesario para afrontar a pandemia e as súas consecuencias. Non en van, nun orzamento que medra un 14%, o capítulo de gasto sen xuros de débeda pública baixa dun 30% en comparación co exercicio vixente; “é dicir, aforramos 43 millóns nos xuros da débeda pública e investímolos para producir actividade económica”, aseverou.

“E é un presuposto san porque contraemos o gasto corrente para incrementar ao máximo o investimento en favor de traballadores, familias e empresas; en definitiva, en favor da economía real para que incremente o PIB na comunidade autónoma”, subliñou.

O maior investimento para reactivar Galicia

Por outra banda, o responsable do Goberno galego salientou que para 2021 impúlsase ao máximo a capacidade para reactivar Galicia: aumentando un 53,3% os gastos de capital e sobrepasando a cifra récord de 2.500 millóns de euros, o que significa multiplicar por tres o investimento territorializado para Galicia previsto no proxecto dos Orzamentos Xerais do Estado.

Un esforzo investidor que, segundo aseverou, será clave para que Galicia recupere un forte crecemento da economía en 2021, estimado nun 8% do PIB.

“E no ámbito do investimento, quixera facer un apartado específico para o Xacobeo: 61,7 millóns de euros dedicado ao Xacobeo descentralizado en toda Galicia”, dixo.

Feijóo referiuse tamén ao reforzo histórico do gasto social e do emprego. Así, Sanidade, Educación, Políticas Sociais e Emprego disporán de 8.538 millóns de euros, un 11,2% máis, ou o que eu o mesmo, 862 millóns máis que este ano: refórzase con 475 millóns a Sanidade; con 166 millóns a Educación; con 126 millóns as Políticas Sociais; e con 97 millóns o Emprego.

“Aquí non se soben os impostos, nin ás familias nin aos traballadores. Aquí o que vimos a consolidar é a rebaixa de impostos que levamos feita desde o ano 2016. No ano 2021 115.000 familias galegas serán beneficiadas da consolidación da rebaixa fiscal do Imposto de Sucesións, do Imposto de Doazóns e dos Impostos 0 no rural, entre outros”, sinalou, recordando que estas rebaixas xa beneficiaron ao longo destes anos a máis de 535.000 galegos.

Tras o Consello, o titular da Xunta resaltou que as contas para o vindeiro ano contarán con novos instrumentos e fondos financeiros: un Fondo Covid, con 503 millóns, co obxectivo de garantir os recursos necesarios para seguir combatendo a pandemia; un Fondo React-EU, con 430 millóns, que servirá para impulsar a reactivación económica; un Fondo Consenso de 115 M€, que constituirá un soporte financeiro para os consensos que se acaden no marco da comisión parlamentaria de reactivación económica, social e cultural pola crise da covid-19, do diálogo social e no marco do comité de expertos económicos; e un Fondo de Garantía de Infraestruturas Sanitarias.

Sobre este último fondo, o presidente do Goberno galego salientou que estará dotado con 105 millóns en 2021, pero terá un carácter plurianual para blindar os investimentos necesarios en hospitais e centros de saúde esta lexislatura.

En definitiva, Feijóo destacou que o Goberno galego vén de aprobar un orzamento que se remitirá ao Parlamento de forma inmediata e que vai permitir ter un orzamento excepcional, o máis alto da historia, anticipando investimentos a exercicios posteriores. Neste sentido, explicou que o orzamento baixará nos vindeiros anos, pero que se incrementa neste 2021 para reactivar a economía. Ademais, sinalou que se reducen ao mínimo histórico o pago de xuros pola débeda, que non se soben os impostos para as familias nin para as empresas, que Galicia terá o maior gasto en investimentos da historia, que se tentará xestionar un bo Xacobeo 2021 descentralizado nas vilas e nas cidades galegas e que se porá á disposición fondos específicos e extraordinarios onde oposición, sindicatos e expertos axudarán a acertar nas políticas de reactivación da economía galega.

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, explicou que o Goberno galego tivo que elaborar os orzamentos do vindeiro ano “en tempo récord” para que poidan entrar en vigor o antes posible e reactivar Galicia.

Ademais, sinalou que estes presupostos extraordinarios buscan trasladar ás persoas e ás empresas “unha política útil para atender ás persoas cos recursos necesarios e sen perder o rigor financeiro”.

Trátase, en definitiva, dunha política que non sobe impostos, que mantén controlada a débeda, que dispón de recursos para combater a pandemia e aumenta os investimentos, que blinda as infraestruturas sanitarias, aposta pola dixitalización e transición verde, e atende ás persoas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/11/2020