Lete Lasa destaca o traballo e a colaboración como “a mellor maneira de que Galicia siga a ser un referente na xestión deportiva”

Na súa participación no curso online ‘Xestión Deportiva en pequenos e medianos municipios’ organizado pola Asociación Galega de Xestores Deportivos (AGAXEDE)

Santiago, 20 de novembro de 2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe no curso on line ‘Xestión Deportiva en pequenos e medianos municipios’ organizado pola Asociación Galega de Xestores Deportivos (AGAXEDE) e orientado cara a xestión de proxectos deportivos.

O mandatario galego destacou os pequenos e medianos municipios galegos como territorios que “desenvolveron unha política deportiva capaz de sacar adiante a grandes campións co esforzo e co traballo dos humildes clubs de cada zona que traballan a base de maneira brillante”.

Lete Lasa gabou o traballo realizado por AGAXEDE que, con xuntanzas coma esta, xera unha “intensa rede de institucións, entidades e persoas que poñen en común o seu traballo á fronte da organización de eventos e proxectos deportivos”. Unha rede grazas a que “Galicia conta xa con preto de 70 protocolos elaborados pola Xunta para todas as federacións deportivas, instalacións, complexos e pavillóns”.

O traballo e a colaboración son a mellor maneira, dixo, “de que Galicia siga a ser un referente para o resto de comunidades neste ámbito e de que sigamos contribuíndo a ter unha maior seguridade para deportistas e público”.

Data de actualización: 20/11/2020