A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade mantivo hoxe unha xuntanza de traballo coa xunta directiva da Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña
Ethel Vázquez avanza que os orzamentos da Xunta para 2021 recollen un investimento de case 20 M€ no novo Hospital Público da Coruña e un compromiso total de gasto de máis de 418 millóns

Destaca que o Goberno galego eleva o seu compromiso co “Novo CHUAC” ao máximo rango normativo, plasmándoo no proxecto de Lei de Orzamentos

Salienta os 4,5 millóns consignados para a estación intermodal, co obxectivo de licitar e iniciar as obras o vindeiro ano

As contas de 2021 tamén recollen os recursos necesarios para finalizar as obras do Espazo Amizar, para avanzar na Vía Ártabra ou para executar o desdobramento da avenida da Deputación, de acceso ao polígono de Sabón

Contrapón os Orzamentos máis elevados da historia da Xunta, que superan os 11.500 M€, á rebaixa en máis de 100 M€ dos Presupostos do Estado para Galicia

Lembra o incremento de máis dun 12% na licitación de obra pública por parte da Xunta entre xaneiro e outubro, fronte á caída do 38% das licitacións estatais

A Coruña 21 de novembro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que os Orzamentos da Xunta para o ano 2021 recollen un investimento de case 20 millóns de euros no novo hospital público da Coruña e un compromiso total de gasto de máis de 418 millóns.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade, acompañada do delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo coa xunta directiva da Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña, APECCO, encabezada polo seu presidente, Diego Vázquez Reino.

Na xuntanza, na que se abordou a evolución da licitación da obra pública, a conselleira destacou que o Goberno galego eleva o seu compromiso co “Novo CHUAC” ao máximo rango normativo, ao plasmalo no proxecto de Lei de Orzamentos para 2021 que foi aprobado onte polo Consello da Xunta.

No referente aos presupostos concretos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para a cidade e para a área da Coruña, Ethel Vázquez adiantou que subirán de forma coherente coas contas expansivas do Goberno galego, impulsando os investimentos e as obras públicas.

A conselleira apuntou que os obxectivos serán contribuír ao reforzo e mellora da sanidade pública, a través da construción de novos equipamentos, e avanzar na vertebración territorial, a seguridade viaria e a competitividade territorial, ademais de contribuír ao reto europeo do crecemento verde fomentando unha mobilidade máis limpa e sostible e unha xestión da auga máis eficaz e adaptada ao cambio climático.

Segundo explicou, eses obxectivos teñen un reflexo nas cifras dos Orzamentos da Xunta para 2021, onde destaca, moi significativamente, a construción do novo hospital público da Coruña, que blindará a prestación sanitaria para as vindeiras décadas.

Precisou que os Orzamentos do departamento de Infraestruturas recollen partidas para outras actuacións importantes na cidade, como os 4,5 millóns que se destinarán á estación intermodal, co obxectivo de licitar e iniciar as obras o vindeiro ano.

Ademais recollen os recursos necesarios para finalizar obras, como as do Espazo Amizar; para avanzar en infraestruturas como a Vía Ártabra, que contribúan á vertebración territorial da área; ou para a execución do desdobramento da avenida da Deputación, de acceso ao polígono de Sabón.

Na reunión con APECCO, a conselleira quixo trasladar unha mensaxe de tranquilidade e de confianza ao sector ante os Orzamentos da Xunta aprobados onte polo Consello, os máis elevados da historia da Comunidade, superando os 11.500 millóns de euros, o que supón un incremento do 14% con respecto ao exercicio actual.

Ethel Vázquez destacou o carácter extraordinario das contas autonómicas para o vindeiro ano, deseñadas para facer fronte a un momento extraordinario a todos os niveis. Unhas contas cuxos obxectivos prioritarios son reforzar a loita contra a pandemia e a protección social dos cidadáns, e activar a economía e o emprego.

A titular de Infraestruturas contrapuxo os orzamentos do Executivo autonómico co proxecto de Presupostos Xerais do Estado presentado polo Goberno español, que rebaixa en máis de 100 M€ o investimento en Galicia e son os máis baixos para a Comunidade en 15 anos. Lembrou que as contas estatais paralizan e abandonan os investimentos en infraestruturas imprescindibles para o progreso, para a calidade de vida e para a competitividade económica.

Ethel Vázquez incidiu en que, cando se declarou o estado de alarma, Galicia foi a primeira comunidade autónoma que reactivou a execución, a licitación e a adxudicación das obras públicas.

Destacou, neste sentido, que a Xunta é a administración pública que está a tirar da licitación na Comunidade, cun incremento entre xaneiro e outubro de máis dun 12%, fronte á caída do 38% das licitacións do Estado.

Explicou tamén que os Orzamentos da Xunta do vindeiro exercicio destinan máis de 2.500 millóns de euros a investimentos produtivos, unha cantidade que triplica o investimento territorializado do Goberno en Galicia para o ano 2021.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/11/2020