Fernández-Tapias pon en valor o importante labor da asociación viguesa Faraxa pola loita contra a explotación sexual das mulleres

A delegada territorial da Xunta visitou hoxe a entidade que loita contra o abuso e a explotación sexual das mulleres: “Unha forma máis de violencia de xénero”, dixo

Igualdade financiou con 362.000 euros programas dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade de 14 entidades de iniciativa social en Vigo

Vigo, 25 de novembro de 2020

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, achegouse hoxe con motivo do 25N-Día internacional para a eliminación da violencia de xénero ata a Asociación viguesa Faraxa que loita contra o abuso e a explotación sexual das mulleres.

Durante a visita, na que estivo acompañada por parte do equipo fundador desta entidad e varias das súas traballadoras e voluntarias, a representante autonómica puxo en valor a importante labor desta asociación na súa loita contra o abuso e a explotación sexual das mulleres: “Unha forma máis de violencia de xénero”, dixo.

Fernández-Tapias interesouse así polo traballo que a diario realiza esta organización, tanto no centro de día de atención en Vigo como na unidade móbil. Neste sentido, agradeceu a Faraxa a atención que prestan a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, con apoio xurídico, psicolóxico e de orientación.

A representante do Executivo galego sinalou que a loita contra a violencia de xénero é un obxectivo prioritario para a Xunta de Galicia que, a través da Secretaria Xeral de Igualdade, non escatimará esforzos de cara a súa erradicación.

Así, informou que o Goberno autonómico subvencionou este ano 14 programas dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade impulsados por outras tantas entidades de iniciativa social de Vigo por un importe de 362.000 euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/11/2020