A Lei de reactivación económica de Galicia suporá unha simplificación administrativa e facilitará a implantación das iniciativas empresariais na Comunidade

Feijóo incide en que “será un texto absolutamente innovador na lexislación galega”

Os elementos centrais desta nova normativa son o financiamento, a simplificación da tramitación, medidas de apoio á implantación de novas iniciativas empresariais e o fondo de recuperación

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe na rolda de prensa posterior ao Consello que a Lei de reactivación económica suporá unha simplificación administrativa e facilitará a implantación das iniciativas empresariais en Galicia.

“Pretendemos cambiar cultura administrativa”, aseverou Feijóo, que incidiu en que “non podemos poñer trabas aos emprendedores, moito menos neste momento e, por tanto, imos facer fortaleza das dificultades e, en consecuencia, este texto será un texto absolutamente innovador na lexislación galega”.

Nesa liña, o presidente da Xunta abundou en que para evitar unha pandemia económica é necesario lexislar para: evitar duplicidades e solapamentos en procedementos administrativos; axilizar a tramitación de proxectos e investimentos; ofrecer medidas de apoio a iniciativas empresariais e axilizar a tramitación de proxectos europeos ao tempo que se lles dá a máxima seguridade xurídica.

Elementos centrais da norma

Deste xeito, Feijóo destacou os elementos centrais desta nova normativa: o financiamento, a simplificación da tramitación, medidas de apoio á implantación de novas iniciativas empresariais e fondos de recuperación.

No eido do financiamento, Feijóo explicou que se recollen instrumentos específicos de financiamento para startups, emprendedores e outras pequenas empresas. Ademais, establécense beneficios fiscais nas transmisión onerosas e actos xurídicos documentados que afecten á adquisición de inmobles vencellados a iniciativas empresarias en zonas pouco poboadas ou áreas rurais.

A maiores, reduciranse os custes dos documentos notariais que formalicen esa adquisición onerosa, agrupación, segregación, declaración de obra nova e demais trámites nesas áreas rurais ou pouco poboadas.

No que respecta á Administración autonómica, establecerase un prazo xeral de tres meses para a emisión dos informes, “entendendo que se no prazo de tres meses non hai un informe definitivo, se entende silencio positivo, salvo que estableza un prazo distinto unha lexislación básica do Estado”.

Ademais, cando sexa necesario solicitar varios informes, o órgano competente pedirá a emisión de todos eles simultaneamente e existirá a posibilidade de que os informes sectoriais non teñan carácter sucesivo para que todos os órganos que deban emitir informes estuden o proxecto ao mesmo tempo.

En canto ás medidas de apoio á implantación de novas iniciativas empresariais, a normativa recolle a creación do sistema de atención ao investimento a través do que se publicarán a catálogos por sectores de actividade, que recollerán todos os trámites administrativos que se esixen, así como formularios e modelos de solicitude. Tamén se vai reforzar a Oficina Doing Business Galicia para o acompañamento e tramitación de proxectos industriais estratéxicos ou iniciativas empresariais prioritarias.

Por último, Feijóo anunciou a inclusión no texto normativo dun apartado relativo aos fondos de recuperación. Figurarán unha serie de normas que serán de aplicación na planificación, programación, xestión e control dos recursos económicos que proveñan da Unión Europea para a reactivación e refórzase a Comisión Interdepartamental Next Generation. A maiores, tamén se contempla a posibilidade de contar coas achegas do Comité de expertos económicos, dos representantes de patronal e sindicatos no diálogo social e das entidades locais de Galicia a través dun grupo de traballo coa Fegamp.

Para concluír, e tras explicar que o obxectivo é que a norma entre no Parlamento antes do 7 de decembro para poder tela activada cando España empece a recibir os fondos europeos, Feijóo insistiu en que se trata dunha norma “que crea o marco idóneo para a implantación de proxectos empresariais e a chegada de emprendedores”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/11/2020