A Xunta inviste máis de 22.000 euros no Barbanza para sinalizar novos recursos turísticos vinculados ao Camiño de Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación oficial da panelización que recupera un camiño a pé paralelo ao itinerario xacobeo da Ruta Mar de Arousa e Río Ulla.

A iniciativa, impulsada pola Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa, supuxo un investimento total de 35.000 euros dos que o 65% foron aportados pola Xunta ao abeiro da liña de axudas para a mellora das infraestruturas turísticas no rural

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2020

O Faro de Corrubedo foi o lugar escollido para a presentación oficial da sinalización e posta en valor dun novo recurso turístico na comarca do Barbanza, o camiño a pé que transcorre paralelo ao itinerario xacobeo da Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, no que a Xunta inviste mais de 22.000 euros.

Na contorna deste faro sitúase un dos seis novos paneis informativos que esta mañá se presentaron nun acto no que participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do presidente da Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa, Manuel Ruiz, a xerente desta entidade, Fátima Cachafeiro e os representantes da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago do Barbanza e Sar “A Orixe”, Manuel Mariño e Manuel Antonio Villar.

O traballo de recuperación deste percorrido terrestre consistiu na instalación de 6 paneis informativos en lugares estratéxicos do camiño que pode facerse a pé seguindo o itinerario xacobeo da Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, que representa a “traslatio”, a chegada dos restos do Apóstolo a Galicia por mar, e que percorre Barbanza Arousa a través dos 4 portos xacobeos: Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo.

O itinerario continúa posteriormente polo interior da provincia a través do concello de Dodro cara á Santiago de Compostela, polo que este municipio tamén participou no proxecto aínda que non está inxerido da Mancomunidade, ata enlazar co Camiño Portugués en Padrón. O custo total do proxecto foi de 35.000 euros dos que o 65% foron investidos por Turismo de Galicia.

Enriquecemento da oferta turística

Este proxecto inxírese na liña de acción da Xunta de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural, tal e como lembraba a directora de Turismo de Galicia, quen destacou a oportunidade estratéxica de que este xeodestino recupere o seu vínculo con Camiño de Santiago a través da posta en valor de recursos turísticos pouco coñecidos tanto para a veciñanza como para os visitantes e que contribúen a enriquecer a oferta turística.

Ademais do instalado na contorna do Faro de Corrubedo, a sinalización complétase con outros cinco paneis situados nas diferentes etapas deste percorrido paralelo á ruta marítimo-fluvial pola ría de Arousa e o río Ulla, en Carreira (Ribeira); paseo marítimo da Pobra do Caramiñal; Cespón (Boiro); aldea de Quintáns (Rianxo) e aldea Bacariza (Rianxo). Cada panel, elaborado seguindo as indicacións e características do Manual de Sinalización da Xunta de Galicia, contén información dos recursos próximos e un código QR que redirixe á web de Barbanza Arousa na que se poden descargar os tracks deste recorrido e proximamente tamén un vídeo-mapping e toda a información necesaria para visitantes e peregrinos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/12/2020