A Xunta confirma a súa aposta pola Compra Pública de Innovación no marco do III Foro Iberoamericano de CPI e Innovación Aberta

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, interviu no acto inaugural que reúne durante dous días a máis de 400 persoas

A Xunta de Galicia é un referente a nivel estatal no ámbito da CPI e recibiu en dúas ocasións o Premio Nacional de Innovación e Deseño neste eido

A responsable de Gain anunciou que esta aposta pola CPI se manterá no futuro coa continuidade do Polo Aeroespacial de Galicia

Lugo, 2 de decembro de 2020

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou este mediodía na inauguración oficial do III Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación e Innovación Aberta, que reunirá durante dous días a máis de 400 persoas procedentes de España e Iberoamérica en formato virtual arredor da Compra Pública de Innovación e a innovación aberta. Na inauguración interviron tamén Teresa Riesgo, secretaria xeral de Innovación do Ministerio de Ciencia e Innovación, e Gonzalo Rivas, xefe da división de Competitividade, Tecnoloxía e Innovación do Banco Interamericano de Desarrollo (BID).

Argerey reivindicou a oportunidade que supón este Foro como espazo de intercambio de coñecemento e de colaboración entre España e Iberoamérica no eido da innovación, subliñou a elevada calidade do programa e agradeceu o convite a participar na súa inauguración.

A responsable de Gain anunciou que a Xunta de Galicia seguirá apostando pola Compra Pública de Innovación (CPI) no futuro como a mellor ferramenta para dinamizar a innovación desde a demanda. Esta aposta materialízase na continuidade de diferentes iniciativas, particularmente, o Polo tecnolóxico e industrial arredor dos vehículos non tripulados.

Galicia é referente a nivel estatal en CPI: en pouco máis dunha década ten executado proxectos por máis de 250 millóns de euros e, no período 2007-2013, executou o 40% de toda a compra pública de innovación que se contratou en España. Ademais, a aposta da Xunta por este instrumento de contratación valeulle en dúas ocasións o Premio Nacional de Innovación e Deseño na categoría de CPI, polos proxectos InnovaSaúde e Hospital 2050 do Sergas e pola Civil UAVs Initiative de Gain.

Así mesmo, a Xunta de Galicia puxo en marcha o programa Innpulsa CPI, a través do que se teñen realizado actuacións de fomento desta ferramenta como a creación do Premio Empregados/as Públicos/as Innovadores/as, accións formativas dirixidas a empregados/as públicos/as e a celebración deste Foro.

Gain participará ademais nunha sesión de presentación de resultados de proxectos de CPI presentando a Civil UAVs Initiative, así como nunha mesa sobre oportunidades de financiamento en España da CPI no novo período 2021-2027. Así mesmo, o Sergas presentará os proxectos Telea e Código 100 e Augas de Galicia presentará Innovaugas 4.0.

Sobre o Foro

Este encontro, cuxa primeira edición se celebrou en Galicia en 2018, celébrase esta edición en formato virtual organizado polo Banco Interamericano de Desarrollo (BID). O seu obxectivo é crear un espazo de referencia para todos os axentes da Compra Pública de Innovación e Innovación aberta de Iberoamérica, compartir experiencias vividas, coñecer as actuacións que se están levando a cabo e mirar cara o futuro.

Durante os dous días de duración do Foro, daranse a coñecer 12 proxectos concretos de CPI en diferentes estados de desenvolvemento en diferentes sectores; saúde, auga, construción, ciberseguridade, agricultura, transporte e hidrocarburos. Ademais, abordaranse as medidas que se están tomando e se prevé tomar para impulsar esta ferramenta desde distintas visións: presentarase a estratexia de innovación para Iberoamérica, debaterase sobre as oportunidades de financiamento no marco 2021 -2027, explicaranse políticas de apoio ás startups en CPI, así como servizos para demanda e oferta tecnolóxica.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/12/2020