A Estratexia Galicia Dixital 2030 mobilizará 4.000 M€ para aumentar a calidade de vida e o desenvolvemento sostible co impulso de solucións intelixentes no plano social, económico e ambiental

Feijóo asevera que queremos planificar a vindeira década desde o punto de vista da intelixencia artificial, da ciberseguridade, da xestión masiva de datos ou a consolidación do 5G

Avanza que cada euro público investido achegará 1,42 euros de retorno, o que supón unha inxección na riqueza da Comunidade de 3.500 M€

Avanza a elaboración un novo marco xurídico coa redacción da Lei de Desenvolvemento de Galicia Rexión Intelixente e dun Código Ético de referencia para blindar unha dixitalización segura e responsable

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2020

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a aprobación no Consello da Xunta da Estratexia Galicia Dixital 2030 que prevé mobilizar 4.000 millóns de euros para aumentar a calidade de vida e o desenvolvemento sostible co impulso de solucións intelixentes no plano social, económico e ambiental.

Feijóo aseverou que “queremos planificar a vindeira década desde o punto de vista da intelixencia artificial, da ciberseguridade, da xestión masiva de datos ou a consolidación do 5G”.

Deste xeito, segundo explicou Feijóo, a Estratexia márcase como obxectivos: situar a Galicia como unha rexión dixital de referencia en Europa; implantar un marco dixital común para todas as administracións públicas galegas; desenvolver un novo marco xurídico que regule a nova realidade dixital, e buscar un ecosistema atractivo para facilitar o investimento privado.

Para acadar eses propósitos, preténdese mobilizar 4.000 millóns de euros no período 2021-2027, dos que 2.450 serán fondos públicos entre partidas da Xunta e fondos da Unión Europea e 1.600 millóns de euros serán fondos de iniciativas privadas. Este investimento, explicou Feijóo, superará en 1.300 millóns de euros o que se mobilizou na última década no marco das dúas Axendas Dixitais (2014.gal e Axenda Dixital de Galicia 2014-2020). Ademais, tendo en conta que cada euro público investido achegará 1,42 euros de retorno, “se vai producir unha inxección na riqueza de Galicia de 3.500 millóns de euros”, incidiu Feijóo.

7 eixos estratéxicos e 1 transversal

A Estratexia Galicia Dixital está dividida en 7 eixos estratéxicos e 1 transversal, que se desenvolverán en 20 programas.

O primeiro destes eixos céntrase no ‘Goberno e Administración Intelixente’ para impulsar a automatización e transformación dixital dos servizos públicos e evolucionar cara un modelo intelixente de posto de traballo do empregado público, así como o expediente xudicial electrónico. O obxectivo é que en 2025 o 70% das persoas e o 85% das empresas usen a canle dixital.

Tamén se aspira a unha ‘Sociedade dixital inclusiva’ para o que se implantarán grandes programas de formación para que no 2025 o 80% dos cidadáns teñan competencias básicas dixitais e “non deixar a ninguén fóra da realidade”, salientou Feijóo.

No eixo do ‘Territorio intelixente, verde e resiliente’ activaranse 4 programas para un territorio máis sostible, máis verde, máis conectado e cun uso más eficaz dos recursos.

En materia de ‘Entorno dixital para saúde e benestar’ aspírase a empregar a tecnoloxía para acadar unha sanidade máis preditiva e personalizada e un paradigma sociosanitario para mellorar a calidade asistencial.

A maiores, Feijóo incidiu na ‘Conectividade dixital’, co obxectivo de acadar o 100% de cobertura con redes de 100 Mbps en 2025 e conseguir “unha Galicia máis integrada e conectada”.

A Estratexia tamén mellorará a conservación do patrimonio cultural dando máis pulo á Memoria Dixital de Galicia no marco do eixo ‘Cultura e turismo intelixente’.

Así mesmo, o eixo ‘Economía dixital’ fomentará a transformación dixital do servizo público de emprego, a transformación dixital de pemes e transición cara a industria 4.0. Segundo dixo Feijóo, a aspiración é “aumentar ata un 50% a porcentaxe de empresas que venden por internet e ata un 15% no caso das microempresas”.

Finalmente, o eixo transversal céntrase na formación. Deste xeito, promoverase o talento dixital e actuarase para fortalecer o sector das TIC. O presidente da Xunta explicou que “queremos que o 25% das empresas e o 50% das administracións usen solucións dixitais inspiradas nestas tecnoloxías”.

Para concluír, Feijóo avanzou a elaboración dun novo marco xurídico coa redacción da Lei de Desenvolvemento de Galicia Rexión Intelixente e coa preparación dun Código Ético de referencia para blindar unha dixitalización segura e responsable. A maiores, crearase o Consello Asesor para a Transformación Dixital de Galicia e a Comisión de Cooperación Interadministrativa para o Desenvolvemento Dixital.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/12/2020