A Xunta pon de relevo a importancia da negociación na resolución de conflitos no ámbito laboral

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, clausurou hoxe por videoconferencia o ‘Curso de negociación colectiva e individual no ámbito laboral’ do Consello Galego de Relacións Laborais

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2020

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, clausurou hoxe por videoconferencia a III edición do Curso de
negociación colectiva e individual no ámbito laboral, organizado polo Consello Galego de Relacións Laborais, na que puxo de relevo a importancia da negociación na solución dos conflitos no ámbito do traballo.

Segundo manifestou Mancha “a negociación é a base da mediación, que é unha das actividades piares do Consello de Relacións Laborais”. Neste sentido valorou de xeito positivo que a formación e a aprendizaxe non se parase a pesar da pandemia, porque “a negociación e a mediación tampouco poden parar”, incidiu.

A representante da Consellería de Emprego e Igualdade aplaudiu o contido do programa no que se incluiron as diferentes manifestacións da negociacións -colectiva e individual, a estatutaria, a extraestatutaria e extraxudicial- e outras cuestións “igualmente importantes” como a incidencia do factor da intelixencia emocional, ou os estilos e estratexias de negociación.

Estas competencias, considerou Elena Mancha, axudarán aos alumnos a entender os mecanismos da negociación e traballar con ela como vía de chegada aos acordos laborais. “Calquera persoa profesional do sistema laboral é sabedora da fundamental importancia da negociación e da cantidade de litixios que se aforran cando un conflito se soluciona grazas a unha actividade negociadora previa”. Por iso, engadiu, é fundamental que os profesionais deste sector coñezan moi ben os detalles deste procedemento e poidan aplicalos”.

Data de actualización: 03/12/2020