A Xunta destaca que o contract galego é un referente a nivel internacional grazas ao compromiso das súas empresas coa diversidade, a innovación e a busca de novos mercados

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, interveu esta tarde na X Semana Internacional Contract Galicia

Traslada o apoio da Xunta ao contract e á industria forestal e lembra os proxectos relacionados co sector cos que Galicia aspira a conseguir fondos europeos

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe, durante a súa intervención por videoconferencia na X Semana Internacional Contract Galicia, que este sector é un referente a nivel internacional grazas á aposta das empresas galegas pola diversidade, a innovación e a busca de novos mercados.

Conde subliñou que estas características permitiron ao contract galego chegar a máis de 100 países con 10.000 proxectos construtivos en 800 cidades do mundo da man das principais cadeas hoteleiras, do sector retail ou de grandes corporacións empresariais ou financeiras. Neste sentido, EEUU é o primeiro mercado do mundo, Latinoamérica unha das rexións de maior desenvolvemento e de maior implantación de empresas galegas, mentres que China supón unha grande oportunidade.

O vicepresidente económico trasladou o apoio do Goberno galego a este sector e á industria forestal en xeral. Así lembrou os catro proxectos cos que Galicia opta aos fondos europeos de recuperación e que se centran na promoción da construción ou renovación en madeira de edificios públicos ou comerciais; a posta en marcha dun laboratorio piloto de novos materiais; o fomento do ecodeseño, a economía circular e a ecoinnovación; ou o impulsa da dixitalización da industria forestal. De ser seleccionadas polo Goberno, estas iniciativas mobilizarían 38M€.

Conde finalizou poñendo en valor a transversalidade do contract e a súa diversidade como a mellor garantía para saír fortalecido da crise xerada polo coronavirus.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/12/2020