A Xunta enviará o Carné Xove de xeito gratuíto aos arredor de 400.000 mozas e mozos galegos de entre 12 e 30 anos

O documento, que conta dun deseño renovado, comezará a repartirse no mes de xaneiro

Suprímense as taxas de renovación e amplíase a súa vixencia de xeito indefinido, é dicir, ata que o titular cumpra os 30 anos

Impulsarase o comercio local coa adhesión de comercios de proximidade e crearase unha aplicación móbil para xeolocalizar os locais con descontos e promocións
 

Noia (A Coruña), 15 de decembro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou esta mañá que o Carné Xove será enviado de xeito gratuíto ao domicilio do 100% das mozas e mozos galegos de entre 12 e 30 anos. Trátase dunha das novidades desta tarxeta que se presentaron hoxe no Espazo Xove de Noia e que beneficiará ao total das 400.000 rapazas e rapaces galegos.

A conselleira destacou que o Carné Xove tense convertido “na identidade dunha etapa vital”, como é a xuventude, ao prestar descontos e axudas para eventos culturais, aloxamento, transporte, comercio ou servizos educativos. Neste novo paso, o Goberno galego busca facelo máis accesible, adaptalo aos novos tempos e eliminar atrancos para a súa obtención. As mozas e mozos comezarán a recibir o novo Carné Xove, cun deseño renovado, a partir do próximo mes de xaneiro. Unha vez o reciban nas súas casas, tan só terán que activalo nun dos centros habilitados para desfrutar das súas vantaxes.

Outra das novidades é que se suprimirán as taxas para a súa renovación, que actualmente son de seis euros. A súa vixencia pasará a ser indefinida, en lugar de caducar cada dous anos, de xeito que o carné será válido ata que o seu titular cumpra os 30 anos. Tamén se impulsará o comercio local a través dun convenio coa Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia que permitirá adherir ao programa establecementos de proximidade. Así mesmo, poñerase en marcha unha nova aplicación móbil que permitirá acceder a un listado de descontos e promocións xeolocalizados.

Apoio á xuventude

Fabiola García sinalou que o Goberno galego continúa apoiando á xuventude para que poidan facer realidade os seus proxectos e soños. Neste sentido, puxo como exemplo os Premios Talento Mozo, que recoñecen a traxectoria da mocidade galega; o programa Xuventude Crea, que cada ano descobre novos talentos en 14 categorías artísticas; ou as actividades e axudas que se ofrecen desde os distintos Espazos Xoves de Galicia.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/12/2020