A Xunta mobiliza desde o xoves máis de 20 equipos quitaneves, máis de 1.000 toneladas de sal e 710.000 litros de salmoira para garantir a seguridade nas estradas autonómicas por mor do temporal

O operativo esparexeu na noite de onte case 160 toneladas de sal e 88.000 litros de salmoira na rede viaria autonómica
Nas estradas da provincia da Coruña e do sur da de Pontevedra, o consumo de sal acadou desde o inicio deste temporal un terzo do total previsto para todo o inverno

Todas as estradas e as vías de altas prestacións de titularidade da Xunta están abertas e non teñen rexistrado incidencias

Estas actuacións enmárcanse no Plan de Vialidade Invernal, que o Goberno galego ten activo desde o 1 de novembro ata o 30 de abril

O obxectivo é mellorar as condicións de circulación nas estradas, que se poden ver dificultadas pola presenza de neve ou xeo, como acontece esta fin de semana
 

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2021

A Xunta está a mobilizar desde a madrugada do xoves un dispositivo que inclúe máis de 20 equipos quitaneves e o estendido de máis de 1.000 toneladas de sal e 710.000 litros de salmoira para garantir a seguridade nas estradas autonómicas por mor do temporal activo.

O operativo despregado esparexeu só na noite de onte case 160 toneladas de sal e 88.000 litros de salmoira na rede viaria autonómica coa fin de facilitar a mobilidade en condicións máis seguras.

O estendido de sal foi especialmente relevante nas estradas da provincia da Coruña e nas do sur de Pontevedra, en comparación coa distribución habitual. Nestas áreas, desde o comezo do temporal, o consumo de sal acadou un terzo do total previsto para todo o inverno.

No día de hoxe, tras a adopción das citadas medidas de vialidade invernal, todas as vías autonómicas se manteñen abertas e non teñen rexistrado incidencias destacables.

Na provincia da Coruña, desde o comezo do temporal na madrugada do xoves, os equipos dispuxeron 361 toneladas de sal e 161.000 litros de salmoira nas vías. Na pasada noite, a distribución de sal sumou 30 toneladas deste material.

Na provincia de Lugo, estiveron traballando nas últimas xornadas un total de 13 equipos que retiraron a neve naquelas estradas onde foi preciso. Ademais, esparexeron 260 toneladas de sal e 130.000 litros de salmoira, dos que 55 e 32.000 se corresponden respectivamente cos distribuídos na madrugada de onte.

Na provincia de Ourense, está activo desde o xoves un dispositivo que inclúe 4 equipos quitaneves e un estendido ata o momento de 134 toneladas de sal e 8.000 litros de salmoira, dos que 36 toneladas de sal se esparexeron na pasada noite.

Nas estradas autonómicas da provincia de Pontevedra, outros 4 equipos esparexeron desde o comezo da alerta por temporal un total de 184 toneladas de sal e 156.000 litros de salmoira. Na noite de onte, estes profesionais estenderon 35 toneladas de sal e 36.000 litros de salmoira nas vías desta provincia.

No que se refire ás vías de altas prestacións, tamén están todas abertas ao tráfico e non rexistraron incidencias.

Nas últimas xornadas, levouse a cabo o estendido preventivo de fundentes nas autovías AG-53 e AG-54, entre Dozón e Ourense; na do Barbanza (AG-11); na do Salnés (AG-41); ou nas autoestradas A Coruña- Carballo (AG-55); e na do Val Miñor (AG-57).

Plan de vialidade invernal

Este dispositivo está enmarcado no Plan de Vialidade Invernal, que o Goberno galego mantén en marcha desde o 1 de novembro ata o 30 de abril, coa fin de asegurar as condicións de mobilidade nos 5.550 km de estradas de titularidade autonómica.

En total, este plan inclúe 26 centros operativos, 13 plantas de salmoira, 73 máquinas con 109 accesorios e un equipo composto por 467 profesionais.

O obxectivo é garantir as condicións de circulación na rede de estradas da comunidade, que se poden ver dificultadas no inverno pola presenza de fortes choivas, a formación de placas de xeo ou a aparición de neve.

Este plan recolle medidas preventivas, para anticiparse aos contratempos que se poidan producir, e medidas paliativas, para reforzar a seguridade viaria en situacións meteorolóxicas desfavorables.

O Goberno galego destina cada ano un investimento de arredor de 50 millóns de euros para levar a cabo tarefas de conservación nas estradas, entre as que destacan estas accións de vialidade invernal.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/01/2021