A Xunta destaca que os 20 proxectos da aceleradora Connect-19 son a proba de que Galicia quere ser un referente fronte á pandemia desde a innovación, o emprendemento e o talento

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá no acto final deste programa

As iniciativas desta primeira edición da aceleradora, que pertencen principalmente aos sectores TIC e saúde, suman máis de 180 empregos e facturan 25M€

Inclúen solucións de protección individual, sistemas para control de accesos e detección precoz, e mesmo cosmética antiviral

San Cibrao das Viñas (Ourense), 12 de xaneiro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá, no Parque Tecnolóxico de Galicia en San Cibrao das Viñas, no acto final da aceleradora Connect-19, no que destacou que os 20 proxectos participantes e as 20 pemes que os impulsan son a proba irrefutable de que Galicia quere ser un referente fronte á pandemia desde a innovación, o emprendemento e o talento. “Estas iniciativas son o exemplo de como desde a pequena e mediana empresa se están dando respostas e solucións grazas a que Galicia conta cun ecosistema de emprendemento e innovación”, subliñou.

Conde explicou que este proxecto naceu para que a capacidade de resposta das empresas innovadoras galegas fronte á covid-19 puidera traducirse en solucións a curto e medio prazo, xa que a pandemia fai máis necesario que nunca acelerar a transferencia de innovación ao mercado para xerar valor económico, emprego e respostas ás novas demandas.

Tal e como expuxo, nesta primeira edición participaron un total de 20 pemes, principalmente dos sectores TIC e saúde, que suman máis de 180 postos de traballo, cunha facturación global de 25M€ e unhas vendas ao exterior de 3M€. Entre as iniciativas nas que se traballaron nestes últimos meses destacan, por exemplo, novos equipos de protección individual, sistemas para o control de accesos ou a detección precoz do virus; dispositivos de carteleira dixital; unha aplicación para controlar e mellorar a nutrición de pacientes hospitalarios, ou cosmética con capacidade antiviral.

O vicepresidente económico trasladou o compromiso do Goberno galego coa investigación e a innovación dentro deste novo contexto económico e lembrou que xunto coa Connect-19 puxéronse en marcha outras medidas neste eido que suman un total de 22M€.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/01/2021