A conselleira de Política Social mantivo unha reunión por videoconferencia con representantes dos centros de xestión pública
Fabiola García traslada unha mensaxe de ánimo aos profesionais das residencias para afrontar a recta final da vacinación

Esta semana rematarase de dispensar a primeira dose en todos os centros que están libres de gromos

Galicia está á cabeza de España no proceso de vacinación, con máis de 30.400 doses administradas

Sinala a importancia de extremar as precaucións nestas últimas semanas e agradece o labor realizado por estes profesionais durante o último ano
 

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, trasladou unha mensaxe de ánimo aos profesionais de todas as residencias de Galicia para afrontar a recta final da vacinación. Fíxoo en declaracións aos medios antes de manter unha reunión por videoconferencia con representantes dos 27 centros de xestión pública da Xunta.

Fabiola García asegurou que esta mesma semana rematarase de dispensar a primeira dose en todos os centros que están libres de gromos e, de inmediato, comezarase coa segunda dose. Así mesmo, remarcou que Galicia está á cabeza de España no proceso de vacinación, con máis de 30.400 doses administradas.

Por este motivo, a conselleira agradeceu o traballo realizado por estes profesionais durante este tempo e sinalou que é importante que nestas semanas extremen as precaucións e cumpran os protocolos co máximo rigor e seriedade co fin de non botar abaixo todo o esforzo realizado ata o momento.

A titular de Política Social lembrou, neste sentido, que a Xunta tomou medidas dirixidas a minimizar os efectos do incremento da incidencia que se está a observar na poboación xeral. Por un lado, elevou todas as residencias ao nivel máximo de alerta, suspendendo as saídas e reducindo as visitas ao mínimo posible; e por outro, enviou unha circular a todos os centros recordando as medidas de prevención que se implantaron ao longo desta pandemia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/01/2021