A Xunta avalía coa Federación de Veciños de Lugo o programa de igualdade e loita contra a violencia de xénero no rural

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe un encontro coa Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Lucus Augusti

O Goberno galego mantén desde hai dous anos un convenio de colaboración coa entidade para achegar ao medio rural a información precisa para previr e detectar casos de violencia de xénero e traballar na igualdade entre homes e mulleres

Lugo, 13 de xaneiro de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe un encontro na cidade lucense coa Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Lucus Augusti, para avaliar as actividades que se levaron a cabo ao longo do pasado ano no marco do programa de igualdade e loita contra a violencia de xénero no rural.

A Administración autonómica mantén desde hai dous anos un convenio de colaboración con esta entidade co fin de acercar ao medio rural a información precisa para previr e detectar casos de violencia de xénero e traballar na igualdade entre homes e mulleres. O obxectivo principal, en palabras de López Abella, é traballar aspectos de igualdade e loita contra a violencia de xénero atendendo as necesidades da cidadanía das zonas rurais en relación coas situacións de desigualdade e sensibilizar á sociedade para promover unha maior igualdade entre homes e mulleres. Trátase, en definitiva, de “visibilizar e concienciar da necesidade dunha igualdade real e efectiva para posibilitar a eliminación do machismo”, engadiu.

Ao longo de 2020 fixéronse, entre outras actividades, preto de vinte obradoiros por parte das diferentes asociacións de veciños da provincia de Lugo nos que participaron preto de 300 homes e mulleres. As principais beneficiarias deste programa, ao que a Xunta destina cada ano 30.000 euros, son mulleres en situación de vulnerabilidade ou desigualdade que viven no medio rural da provincia de Lugo e tamén en pequenos centros urbanos.

As asociacións de veciños e veciñas, pola súa proximidade coa cidadanía, poden exercer un papel fundamental á hora de detectar estas situacións e axudar ás vítimas. Neste sentido, López Abella realizou un chamamento á cidadanía para que denuncien estes casos para seguir avanzando nunha loita que é responsabilidade do conxunto da sociedade.

Ademais desta iniciativa, a Xunta ten posto en marcha un gran abano de programas e proxectos para loitar contra a violencia de xénero, unha prioridade para o Goberno galego. Así, e entre outras liñas, as vítimas poden acceder a axudas económicas, atención médica e psicolóxica, e formación e asesoramento legal. Este compromiso demóstrase tamén a nivel orzamentario. De feito, a área de Igualdade dispón nos presupostos deste ano da Consellería un total de 30,2M€, un 10,2% máis que en 2020, para promover a corresponsabilidade e seguir combatendo a lacra da violencia machista.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/01/2021