Trenor destaca a entrega e profesionalidade de Alicia Tojeiro, recoñecida como mellor mestra de primaria de España por Educa Abanca
A Coruña, 13 de xaneiro de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, agradeceu esta mañá a Alicia Tojeiro Ríos, mestra do colexio plurilingüe Isidro Parga Pondal de Santa Cruz (Oleiros), a súa entrega e dedicación como profesora que lle levou a acadar o premio como mellor docente de España na categoría de Educación Primaria.

Trenor expresou a súa satisfacción por que dous docentes coruñeses foron recoñecidos por Educa Abanca, que cada ano premia aos mellores docentes de España en cinco categorías educativas: infantil, primaria, secundaria, formación profesional e educación universitaria. A particularidade destes premios é que os docentes son nomeados polo seu alumnado e as familias dos seus pupilos.

A Coruña e a súa comarca quedáronse nesta edición con dous finalistas: Alicia Tojeiro que subiu sete postos na clasificación e alzouse co recoñecemento de mellor profesora española de Primaria e Víctor Arufe que conseguiu o premio ao mellor docente universitario na primeira edición de 2017, e este ano mantense na novena posición en educación universitaria.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/01/2021