A Xunta destinou máis de 120.000€ para a renovación das infraestruturas viarias no polígono de Merelle de Ordes

Trenor informou que o Goberno galego abriu o prazo de solicitude de axudas para a mellora dos parques empresariais e a creación de novos viveiros industriais

Prevese a mellora das infraestruturas de 28 polígonos e a implantación de catro viveiros grazas a un investimento de 3,1M€

Ordes (A Coruña), 13 de xaneiro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez, visitou o polígono empresarial de Merelle en Ordes no que a Xunta investiu máis de 120.000 euros para levar a cabo a renovación das infraestruturas viarias deste parque empresarial.

A orde de axudas do 2020 permitiu financiar 9 proxectos nos parques empresariais de Coirós, Oroso, Boqueixón, Cambre, Carballo, Ordes, Ribeira, Santa Comba e Fene na provincia da Coruña, con achegas da Xunta que ascenden a máis de 852.000 euros que mobilizarán investimentos por 1,1 millón de euros. En concreto, este ano tamén se destinaron outros 1,8 millóns de euros para a mellora das redes de distribución eléctrica nos polígonos de Vedra, Coirós e Aranga, actuacións que mobilizarán 2,3 millóns de euros e 238.000 para a construción dun viveiro industrial en As Somozas que mobilizará 297.000 euros de investimento.

Nova convocatoria

Trenor tamén informou que xa están abertas as dúas novas convocatorias de axudas para este ano para a mellora dos parques empresariais galegos e para a creación de novos viveiros industriais que permitirán a mobilización de 4,3 millóns de euros.

O Goberno galego reserva un total de 2,3M€ á orde de axudas de mellora das infraestruturas dos parques empresariais coa que se agarda apoiar ao redor de 28 proxectos e mobilizar así máis de 3 millóns de euros. Cunha intensidade do 80% e un límite de 120.000 euros para solicitudes individuais e 138.000 para solicitudes de máis dun concello, impulsaranse actuacións de plantas de depuración de augas, xestión de residuos, infraestruturas viarias, instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, de sistemas contra o roubo de cable e instalacións comúns destinadas á loita contraincendios no parque.

Con esta liña, da que se poden conceder anticipos de ata o 25%, preténdese favorecer unha actualización permanente dos parques industriais da Comunidade para dar resposta ás necesidade de infraestruturas, comunicacións ou de adecuación ás novas exixencias.

Por outra banda, destínanse 800.000 euros á creación de viveiros industriais de empresas co obxectivo de apoiar aos novos empresarios nas súas primeiras etapas de actividade. Agárdase mobilizar 1,25M€ en catro instalacións. Cunha intensidade do 80% das axudas e un límite de 240.000 euros por solicitude, fomentaranse actuacións de construción, reforma ou equipamento interior de naves industriais, das que debe ser titular o Concello que solicite as axudas.

En ambas as dúas convocatorias, abertas ata o 8 de febreiro, valorarase, entre outras cuestións, que os solicitantes sexan Concellos Emprendedores, pero tamén se terá en conta a superficie do parque empresarial, o nivel de ocupación ou a poboación do municipio.

Estas actuacións enmárcanse na aposta da Xunta por impulsar a actividade industrial e mellorar a competitividade dos parques empresariais grazas á mellora das súas infraestruturas e ao impulso da creación de novas empresas que permiten xerar emprego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/01/2021