Ethel Vázquez anuncia que as obras da estación de autobuses da intermodal de Ourense finalizarán este mes sen que teña chegado o AVE e sen avances na terminal ferroviaria

Vázquez Mourelle explica que se trasladará a actividade á nova terminal, mentres segue a demolición da estación do Pino para construír unha residencia de maiores

Destaca que a Xunta inviste 9 M€ para dotar Ourense dunha nova terminal de autobuses intermodal, cofinanciando o aparcadoiro subterráneo que executa ADIF

Trátase de que a cidade aproveite a oportunidade do Xacobeo e estea preparada para a chegada do AVE, sobre a que o Goberno central non ofrece certezas

Refírese a obras na cidade, en execución ou licitadas, que supoñen un investimento autonómico de 13 M€
 

Ourense, 13 de xaneiro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anuncia que as obras da estación de autobuses da intermodal de Ourense finalizarán este mes sen que teña chegado o AVE e sen avances na terminal ferroviaria.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, abordou hoxe coa Comisión de Infraestruturas e PXOM da Confederación Empresarial de Ourense as obras públicas que o Goberno galego ten en marcha na cidade das Burgas e na provincia, xunto coas actuacións pendentes por parte do Goberno central.

Puntualizou que se están a ultimar as obras e que este mes estarán finalizados os traballos da nova estación de autobuses, o que permitirá trasladar a actividade á nova terminal da Ponte.

Explicou que de forma paralela continúa a demolición da vella terminal de autobuses do Pino, para liberar o espazo para a construción dunha nova residencia da terceira idade.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade fixo fincapé en que a Xunta está a investir 9 millóns de euros para dotar Ourense dunha nova terminal de autobuses intermodal, cofinanciando tamén o aparcadoiro subterráneo que executa ADIF.

Segundo explicou Ethel Vázquez, a estación intermodal de Ourense é a que ten mellores condicións de intermodalidade, pola súa disposición e situación.

Salientou a aposta da Xunta por dotar Ourense da nova estación de autobuses da intermodal para que a cidade poida aproveitar a oportunidade do Xacobeo de 2021 e 2022 e estea preparada para a chegada do AVE.

Porén, lamentou que comeza un novo ano sen certezas de cando os cidadáns poderán ter a alta velocidade á súa disposición e que o Ministerio de Transportes tampouco teña realizado avances das actuacións de integración urbana e na parte ferroviaria da intermodal da cidade.

Actuacións na cidade

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade lembrou que nos últimos anos o Goberno galego executou actuacións na cidade de Ourense para favorecer a mobilidade e reforzar a seguridade viaria. Puxo como exemplos a mellora da avenida Otero Pedrayo, a 1ª fase de mellora da seguridade en Seixalbo ou a posta en valor da Ponte Romana.

Referiuse, ademais, ás actuacións en execución ou licitadas pola Xunta na cidade das Burgas, que suman un investimento autonómico de 13 millóns de euros.

Na actualidade, está en execución a mellora integral da rúa Marcelo Macías, que rematará en primavera, e tamén as obras da 2ª fase de posta en valor da Ponte Romana, no contorno da capela dos Remedios, que finalizarán en verán. A finais de primavera comezarán as obras da 2ª fase de mellora da seguridade en Seixalbo, a carón do tanatorio, que se licitaron hai uns días e veñen completar a mellora da seguridade viaria e da mobilidade nese barrio ourensán.

Engadiu outras novas intervencións previstas pola Xunta, como a circunvalación leste de Ourense, entre Bemposta e a N-525, que permitirá pechar a circunvalación polo sur.

Vertebración da provincia

No encontro tamén se tratou a aposta da Xunta por seguir contribuíndo á competitividade e vertebración de toda a provincia.

A conselleira subliñou que os orzamentos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade medran case un 19% ata chegar aos 529 millóns de euros, subindo na provincia ata os 65 millóns, o que permitirá avanzar en infraestruturas clave ou en novas actuacións.

Referiuse a proxectos como o acondicionamento da estrada OU-540, entre Celanova e a fronteira portuguesa, ou á mellora da vía entre A Gudiña e A Rúa, a OU-533, estratéxica para avanzar no reequilibrio territorial tendo en conta a chegada do AVE.

Recordou que en setembro se puxo en servizo o novo acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas, unha infraestrutura estratéxica que dá servizo e favorece a mobilidade dese gran pulmón empresarial de Ourense, cun investimento autonómico de case 22 millóns de euros.

Por último, manifestou a preocupación da Xunta en relación os escasos investimentos que os Orzamentos Xerais do Estado recollen para infraestrutura clave para Ourense, os máis baixos en 15 anos.

Detallou que estes presupostos non permiten avanzar en demandas históricas como as autovías entre Ponferrada e Ourense, a A-76; ou a autovía que conecta Ourense e Lugo, a A-56, na que é prioritario avanzar nos treitos San Martiño-Cambeo e Eirasvedra-Quintela. Tamén lle preocupa a falta de avances nos proxectos ferroviarios: a chegada do AVE, a parte ferroviaria da intermodal de Ourense ou o impulso do Corredor Atlántico.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/01/2021