A Xunta convoca a orde de axudas para a gratuidade dos segundos fillos e sucesivos nas escolas infantís privadas e de iniciativa social

Destinaranse 10,6 millóns de euros para a aplicación desta medida nas escolas infantís privadas e 7,5 millóns para as escolas infantís de iniciativa social

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as ordes de axuda para a implantación da gratuidade das escolas infantís privadas e de iniciativa social para segundos fillos e sucesivos durante os anos 2021 e 2022. Trátase de dúas convocatorias para as que o Goberno galego destina un total de 18,1 millóns de euros e que permitirán a bonificación do 100% da atención educativa durante estes dous anos, así como a gratuidade da matrícula do curso 2021-2022.

No caso das entidades privadas, o Goberno galego destinará 10,6 millóns de euros, ampliables en función da demanda. A contía das axudas por escola infantil calcularase en función das tarifas e do prezo da matrícula para o curso 2021-2022, sen superar o tope de 260 e 200 euros ao mes, respectivamente. Así mesmo, a entidade deberá emitir mensualmente os xustificantes mensuais de pago no que conste o número de horas de asistencia ao centro.

Para as escolas infantís dependentes de entidades de iniciativa social, a gratuidade aplicarase en todas aqueles centros que reciban axudas para o seu mantemento. Nesta convocatoria o Goberno galego destina 7,5 millóns de euros que están destinados tamén a facer fronte aos gastos de mantemento e a prestación do servizo de comedor.

O prazo para a presentación de solicitude nos dous casos é dun mes a partir de mañá xoves. As entidades beneficiarias recibirán un pago anticipado do 100% da cantidade correspondente á primeira anualidade do ano 2021. Na anualidade do ano 2022, liberarase un pago anticipado de ata o 90% da subvención que corresponda a dita anualidade.

Galicia pioneira na gratuidade

Galicia converteuse en pioneira da gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos no pasado mes de abril. Esta medida aplícase no 100% dos centros públicos autonómicos, nos de iniciativa social e privados que reúnan as condicións necesarias. Así mesmo, aquelas escolas infantís municipais que estean ao corrente cos pagos ao Consorcio Galego de Igualdade a Benestar tamén poderán solicitar adherirse a esta iniciativa.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/01/2021