A Consellería de Educación aumenta o espazo lectivo da EEI Crespo Rivas de Pontevedra coa instalación de módulos para gañar unha aula e acadar unha maior seguridade sanitaria

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, supervisa esta actuación, na que se investiron 36.414€ e que consistiu nunha estrutura prefabricada de máis de 60m2 para impartir clases de educación infantil

“Seguimos actuando en todos os centros educativos para mellorar as súas condicións e especialmente naqueles que precisan de medidas de reforzo fronte a pandemia para mantelos como espazos seguros”, di a representante autonómica

Pontevedra, 13 de xaneiro de 2021

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de rematar unha actuación na Escola de Educación Infantil (EEI) Concepción Crespo Rivas de Pontevedra consistente no incremento do seu espazo lectivo a través da instalación de módulos prefabricados para gañar unha aula e, deste xeito, outorgar unha maior seguridade sanitaria fronte á covid-19 entre a comunidade educativa.

As obras neste colexio, que acaban de rematarse e supuxeron un investimento de 36.414€, veñen de ser supervisadas pola delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e o xefe territorial de Educación, César Pérez. A representante autonómica destacou a implicación do executivo galego na mellora dos centros, sobre todo no presente curso: “Seguimos actuando en todos os espazos educativos para incrementar a súa confortabilidade e especialmente naqueles que precisan de medidas de reforzo fronte a pandemia para mantelos como espazos seguros”.

A actuación, orientada á creación dunha nova aula con aseo, consistiu na instalación dunha estrutura prefabricada a partires de catro módulos cunha superficie de 61 m2 que está perfectamente acondicionada para as clases e permitirá liberar espazos no interior do inmoble favorecendo o mantemento da distancia interpersoal para que alumnos e profesores se protexan fronte á covid-19.

En concreto, os traballos consistiron na limpeza, excavación e preparación do terreo para a construción dunha base de formigón, a colocación da estrutura modular, a execución dos remates e a instalación dos servizos de fontanaría, electricidade e saneamento, o incremento da beirarrúa do patio, a creación dunha rampla de acceso e a colocación dun novo portal na zona do muro que foi derrubada polas obras.

Así mesmo, este novo enclave educativo, que terá unha altura de 2,50 metros, disporá de fiestras corredeiras e unha porta dobre, o que favorece os sistemas de ventilación, un aseo con dous lavabos e outros tantos inodoros e sistema de aire acondicionado.

A dirección da EEI Crespo Rivas, que plantexou á consellería esta necesidade de espazo atendida, ten previsto adicar esta nova superficie lectiva á impartición de Atención Educativa, Relixión, Psicomotricidade e certos agrupamentos flexibles de outras materias como Matemáticas, Horta, Psicomotricidade e as atencións individualizadas de Alumnos con Necesidade Específicas de Apoio Educativo (ANEAE).

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/01/2021