O conselleiro de Educación e o alcalde de Ames asinaron hoxe o convenio para a posta a disposición dos terreos
A Xunta investirá máis de 4 M€ nun novo CEIP no Milladoiro para dar resposta á alta demanda de escolarización do Concello de Ames

Os Orzamentos 2021 xa contemplan unha partida inicial para a redacción do proxecto

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o alcalde de Ames, José Miñones, asinaron hoxe un convenio de colaboración a través do que o Concello pon a disposición do Goberno galego os terreos para a construción do novo colexio de educación Infantil e Primaria (CEIP) do Milladoiro. A Xunta de Galicia ten previsto investir máis de catro millóns de euros nesta infraestrutura. Os Orzamentos 2021 contemplan xa unha partida inicial de 50.000€ para a redacción do proxecto.

Ao abeiro deste convenio o Concello pon a disposición da Xunta unha parcela de 13.167 m², sen reserva ningunha e cos servizos urbanísticos e infraestruturas (abastecemento de auga, subministro eléctrico coas características e potencia necesaria para o funcionamento da nova escola, saneamento e rede de sumidoiros), así como os correspondentes permisos, licenzas e autorizacións necesarios, incluída a de levar a cabo os estudos xeotécnicos.

Para posibilitar a realización dos estudos xeotécnicos e topográficos que procedan, o Concello de Ames realizará, en toda a súa superficie, a limpeza e desbroce da parcela, na que se construíra o novo centro de educación Infantil e Primaria. Con posterioridade á realización desta limpeza e desbroce, a Xunta encargará a realización dos estudos técnicos e a redacción do proxecto técnico.

En todo caso, antes da finalización das obras do centro educativo, o Concello completará a urbanización con acceso rodado, pavimentado e dotado de beirarrúas, para garantir a seguridade do alumnado.

Unha vez comprobada a idoneidade dos terreos, a Xunta de Galicia elaborará, supervisará e aprobará o proxecto básico e de execución para a obra de construción e desenvolverá a súa contratación e execución.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/01/2021