A Xunta invistiu máis de 89.000€ en diferentes actuacións medioambientais nos concellos de Negreira e A Baña

Trenor destacou que o Fondo de Compensación Ambiental deixou na comarca de Santiago máis de 416.000 euros en 16 proxectos

Negreira (A Coruña), 14 de xaneiro de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, comprobou as diferentes actuacións levadas a cabo nos concellos de Negreira e a A Baña ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental. A través desta liña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, o Goberno galego investiu nestes concellos máis de 89.000 euros.

Concretamente no municipio de Negreira executouse un proxecto de renovación das instalacións do alumeado público exterior para a mellora eficiencia enerxética que contou cunha achega de máis de 65.000 euros e neste mesmo municipio, compartido con A Baña, adquiriuse un vehículo ecolóxico e eficiente cunha axuda da Xunta de 24.850 euros.

No marco deste fondo, que na convocatoria deste ano conta cun orzamento de 12,5 millóns de euros, o Goberno galego financia actuacións nos concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.
Durante a visita o delegado da Xunta na Coruña informou que a través da orde do Fondo de Compensación Ambiental repartíronse máis de 416.000 euros en 16 proxectos na comarca de Santiago nos municipios de Arzúa, Boimorto, Boqueixón, Brión, Dodro, Frades, Melide, Negreira, A Baña, Mesía, Padrón, Rois, Val do Dubra, Trazo, Toques, Tordoia e Touro.

Trenor destacou que “estas axudas son posibles grazas á aprobación, en 2009 da lei, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental xa que antes os concellos non percibían nada polos muíños de produción de enerxía eléctrica instalados no seu territorio”.

O delegado da Xunta recalcou “estas axudas van a destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial, polo que son de gran utilidade para os concellos”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/01/2021