A Xunta impulsa melloras na conservación do arquivo de Ordes coa incorporación de novos equipamentos

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe estas instalacións que contan con novos armarios que permiten realizar unha xestión máis eficiente

A adquisición enmárcase nas axudas destinadas á mellora de locais culturais nas que o Goberno galego investiu este ano preto de 500.000 euros
 

Ordes (A Coruña), 14 de xaneiro de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe o arquivo municipal de Ordes que vén de mellorar o grao de conservación dos seus documentos grazas á incorporación de novos equipamentos de almacenaxe. Trátase dunha adquisición enmarcada nas axudas para a mellora e equipamento das instalacións e locais de concellos destinados a actividades de carácter cultural nas que a Xunta de Galicia investiu este ano preto de 500.000 euros.

Na súa visita, Anxo M. Lorenzo puxo de manifesto a importancia desta compra que permitirá “reordenar o fondo documental do arquivo municipal deste concello axudando a realizar unha xestión máis eficiente deste recurso”. Así mesmo, destacou que os novos armarios facilitarán a orde e mellora da accesibilidade permitindo “un mellor aproveitamento do espazo dispoñible”.

Nesta mesma liña, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade lembrou a aposta do Goberno galego por primar dentro da liña de axudas de equipamentos culturais as melloras nas entidades locais “por tratarse de centros especialmente estratéxicos para garantir o acceso á cultura diversificado e descentralizado en Galicia”. Así, en 2020, beneficiáronse destas axudas un total de 39 proxectos de mellora en instalacións culturais doutros tantos concellos das catro provincias galegas.

Ademais, no marco da convocatoria de bolsas de formación en materia de arquivos correspondentes ao programa 2020, cun investimento de case 110.000€, dúas persoas dos 20 bolseiros seleccionados pola Xunta de Galicia desempeñan a súa actividade no concello de Ordes. A duración inicial destas bolsas foi de seis meses (que se corresponden co segundo semestre de 2020), e nestes momentos a Consellería está a prorrogalas por seis meses mais, acadando así a duración máxima permitida pola convocatoria.
 

Data de actualización: 14/01/2021