A Xunta apoia 148 proxectos que promoven o emprego de enerxías renovables en concellos, empresas e entidades sen fins de lucro

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución destas axudas ás que se destinarán un total de 2,42M€

Agárdase mobilizar 5M€ con estes apoios que promoverán iniciativas con biomasa, xeotermia, aerotermia e solar térmica

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, apoiará un total de 148 proxectos de enerxías renovables térmicas en administracións locais, empresas e entidades sen fins de lucro ás que se destinarán 2,42M€.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución destas axudas cofinanciadas co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e enmarcada na Estratexia integral de Impulso da Biomasa en Galicia e da Estratexia Galega de cambio climático e enerxía 2050.

En concreto concedéronse 56 axudas para proxectos de biomasa en concellos por un importe de algo máis de 941.000 euros; 25 para iniciativas de biomasa en empresas e para autónomos por 329.000 euros; e 7 actuacións de biomasa en entidades sen fins de lucro por 321.000 euros. Ademais, apoiaranse diversos proxectos de empresas e autónomos: 47 de aerotermia (preto de 515.000 euros), 9 propostas de xeotermia (287.000 euros) e 4 de solar térmica (case 32.000 euros).

Con estas axudas, que dispoñen dunha intensidade do 80% para as administracións e as entidades sen fins de lucro e unha media do 60% para empresas cun máximo de 250.000 euros por proxecto, prevese mobilizar ao redor de 5M€.

Galicia mantén, deste xeito, o seu compromiso cunha Galicia máis verde, a través de apoios que buscan fomentar tanto o uso das enerxías renovables como unha maior eficiencia enerxética, tanto no eido dos fogares galegos, como das administracións, empresas e entidades. Neste sentido, a Xunta vén de abrir a convocatoria das axudas para empresas do sector agrícola primario coas que se prevé mobilizar 8,5M€ en 200 proxectos de enerxías renovables e eficiencia cos que se crearán 70 empregos. Proximamente tamén se convocarán apoios dirixidos a promover o aforro e a eficiencia enerxética en empresas dos sectores industrial e servizos que mobilizarán mais de 42 millóns de euros e permitirán aforros de sete millóns de euros ao ano nas súas facturas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/01/2021