A Xunta sitúa a simplificación administrativa, o apoio ao investimento e o diálogo social como cimentos da reactivación

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez; e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantiveron hoxe un novo encontro cos interlocutores do Diálogo Social

Conde subliñou que Galicia precisa das achegas dos axentes económicos e sociais para tomar decisións eficaces e dar estabilidade ao tecido empresarial

Facenda puxo en valor mecanismos de gobernanza que recolle a Lei de Simplificación Administrativa e de apoio á Reactivación Económica de Galicia

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, invocou sumar esforzos cos axentes do Diálogo Social para minimizar o impacto da Covid-19

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2021

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez; e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantiveron hoxe unha xuntanza por videoconferencia desde Santiago de Compostela con representantes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e dos sindicatos UXT e CCOO no marco do Diálogo Social. O encontro enmárcase nos contactos frecuentes que a Xunta ven mantendo nos últimos meses cara a tomar nota das achegas dos axentes sociais e económicos para deseñar os mellores mecanismos para a reactivación da economía e do emprego tras a pandemia.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, indicou que Galicia precisa das achegas dos axentes económicos e sociais para contribuír a que as decisións dirixidas á reactivación sexan acertadas e eficaces.

Neste eido, apuntou que desde o Goberno galego se agarda que a futura Lei de reactivación económica traslade estabilidade e confianza ao tecido empresarial, actuando sobre dúas frontes: a simplificación administrativa e o apoio ao investimento. Así, entre outros aspectos, establécese un prazo xeral de 3 meses para emitir informes vinculados á Administración autonómica, aplicarase o silencio administrativo positivo e amplíanse os supostos de iniciativas empresarias prioritarias e proxectos industriais estratéxicos. De feito, recibirán esta categoría as propostas de Galicia que sexan seleccionadas polo Goberno para optar aos fondos europeos Next Generation.

Estes fondos son, tal e como apuntou Conde, a segunda pata sobre a que se asentará a recuperación económica en Galicia. O vicepresidente económico sinalou que a Xunta está traballando para que esta axuda extraordinaria se converta nunha gran oportunidade para transformar a industria galega e avanzar cara á dixitalización, a transición enerxética, a economía circular e a mellora da saúde.

A Consellería de Facenda e Administración Pública, pola súa banda, tamén subliñou a importancia dos mecanismos de gobernanza que recolle a Lei de Simplificación Administrativa e de apoio á Reactivación Económica de Galicia. Neste sentido, o texto legal inclúe unha serie de normas que serán de aplicación na planificación, programación, xestión e control dos recursos económicos que proveñan dos fondos de recuperación ou daqueles mecanismos que os substitúan e teñan como finalidade o financiamento de iniciativas empresariais en Galicia.

Sumar esforzos

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, indicou que a negociación colectiva e o diálogo social constitúen dous dos “puntais” do traballo da Xunta, xa que nestes tempos, engadiu, resulta “imprescindible” a coordinación e o fomento dos acordos cos axentes sociais nos eidos da igualdade, o emprego e a transformación tecnolóxica, entre outros. Lembrou o espírito da declaración asinada o pasado 23 de setembro pola Administración autonómica coa Confederación de Empresarios e os sindicatos Comisións Obreiras e UXT para a reactivación económica e social de Galicia e referendou aquel compromiso de “sumar esforzos” para definir eixos de traballo consensuados para diminuír o impacto que está a xerar a pandemia.

Desde setembro, representantes de Xunta reuníronse nunha decena de ocasións cos interlocutores do Diálogo Social para abordar temas como a mellora dos gabinetes de asesoramento en igualdade, a execución dos contidos formativos e ferramentas en igualdade, o proxecto Empreganav, os proxectos Next Generation ou a Lei de Reactivación.

Os representantes autonómicos destacaron tamén na xuntanza de hoxe a necesidade de consensuar a continuidade dos apoios económicos aos sectores máis afectados pola Covid-19 con medidas que acompañen ás normas sanitarias que se están a adoptar para facer fronte á pandemia e que teñen como único fin protexer a saúde dos galegos e galegas. Así, a Xunta está a perfilar con prioridade un segundo plan de rescate que apoie a solvencia das empresas nas actividades máis comprometidas pola pandemia e segue a manter unha interlocución fluída cos representantes sectoriais para definir os apoios, con atención especial ao sector da hostalería.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/01/2021