As fundacións Camilo José Cela e José García Nieto resolven o seu VII concurso de micropoemas con máis de 300 participantes

Os poemas ‘El camino’, ‘Ausencia’ e ‘La nada’ foron os tres premiados, nunha edición con récord de micropoemas presentados nos seus sete anos de historia

Con este certame, ambas fundacións fomentan a creación poética e manteñen vivo o recordo da amizade dos dous escritores durante máis de 50 anos
 

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2021

A Fundación Camilo José Cela e a Fundación José García Nieto veñen de facer público o fallo da VII edición do Concurso de Micropoemas José García Nieto, do que recibiu o primeiro premio o texto El camino, de Vicente Blanco Ojea, e o accésit foi para Ausencia, de Miguel Ángel Calle Luna. A mención especial do público recaeu en La nada, escrito por Ángel Alexander Freites Borges.

A Fundación Camilo José Cela e a Fundación José García Nieto levan sete anos organizando conxuntamente este concurso coa intención de fomentar a creación poética e contribuír á difusión da obra de José García Nieto. Ademais, manteñen así vivo o recordo da amizade que mantiveron durante máis de cincuenta anos os dous grandes escritores e premios Cervantes Camilo José Cela e José García Nieto.

Na edición deste ano rexistrouse récord de participación cun total de 345 micropoemas presentados procedentes de 22 países diferentes. Así, recibíronse textos de persoas de lugares como España, Arxentina, Colombia, México, Venezuela, Cuba, Chile, Uruguay, Ecuador, Guatemala, Perú, Brasil, El Salvador, Alemaña, Portugal, EEUU, Australia, Costa Rica, Francia, Holanda, Nicaragua e Reino Unido.
 

Data de actualización: 21/01/2021