Desde a vindeira semana a entidade que expide estes dispositivos, Abanca, incrementará as oficinas nas que os usuarios poderán retiralos
A expedición das tarxetas TMG e Xente Nova da Xunta refórzase a partir do luns para facilitar o acceso dos cidadáns ás bonificacións do transporte público de Galicia

Os usuarios do transporte público disporán de 183 oficinas na comunidade para obter a tarxeta TMG, incrementándose en 28 o número de sucursais

No caso da tarxeta Xente Nova, haberá 192 oficinas para adquirir o dispositivo, tras a incorporación de 27 novas sucursais

A tarxeta TMG supón bonificacións no prezo do billete, que se poden incrementar en caso de recorrencia ou familias numerosas, e transbordos gratuítos

A tarxeta Xente Nova posibilita que os menores de 21 anos viaxen de balde no autobús interurbano da Xunta

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2021

A partir do luns refórzase a expedición das tarxetas TMG e Xente Nova da Xunta para facilitar o acceso dos cidadáns ás bonificacións do transporte público interurbano de Galicia.

Desde o vindeiro luns, día 25, a entidade que expide estes dispositivos, Abanca, incrementará a rede de sucursais nas que os usuarios poderán retiralos.

Neste sentido, os viaxeiros disporán en Galicia de 183 oficinas para obter a tarxeta TMG, aumentando en 28 as novas sucursais.

No caso da tarxeta Xente Nova, na comunidade haberá 192 oficinas desta entidade para adquirir este dispositivo, tras a incorporación de 27 novas sucursais.

Desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade xa se ten pedido á entidade que continúe co esforzo que vén realizando para posibilitar que un maior número de oficinas no territorio poidan expedir estas tarxetas coa fin de facilitarlle aos usuarios o seu acceso.

O Goberno galego, que vén de culminar a implantación do Plan de Transporte Público de Galicia coa posta en marcha de novos contratos o pasado día 23 de decembro, continúa traballando na extensión destas dúas tarxetas a toda a comunidade para ampliar a toda Galicia os beneficios que supón actualmente o transporte metropolitano.

A tarxeta TMG supón, entre outras vantaxes, o acceso ás bonificacións no prezo do billete, que se poden incrementar aínda máis no caso de recorrencia ou familias numerosas; así como o beneficio dos transbordos gratuítos.

A tarxeta Xente Nova posibilita que os menores de 21 anos viaxen de balde no autobús interurbano da Xunta. Con este dispositivo, a Xunta contribúe á economía das familias e facilita o acceso dos mozos a servizos básicos como a educación, especialmente a non obrigatoria. A Xunta ten previsto estender, xa neste primeiro semestre, a toda Galicia os beneficios da tarxeta Xente Nova.

Cómpre destacar que o pago con tarxeta tamén é un método máis seguro no actual contexto de covid-19, evitando así o contacto na medida do posible.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/01/2021