Lorenzana destaca como prioridade o reforzo das actuacións para favorecer a igualdade de oportunidades no medio rural

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo en Santiago de Compostela unha xuntanza con representantes da Asociación Agraria de Galicia (Asaga)

Abordaron futuras liñas de colaboración para mellorar a situación da muller no rural e reforzar a prevención de riscos laborais no sector agrario

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, vén de ratificar o compromiso da Xunta coa prevención de riscos laborais no sector agrario e co reforzo de actuacións para favorecer a igualdade de oportunidades no medio rural. Así trasladoullo aos representantes da Asociación Agraria de Galicia (Asaga) cos que mantivo unha xuntanza en Santiago de Compostela na que abordaron estes asuntos.

Lorenzana destacou que a Administración autonómica traballa para atender as necesidades da cidadanía das zonas rurais en relación coas situacións de desigualdade e sensibilizar á sociedade para promover unha maior igualdade entre homes e mulleres. En palabras da conselleira, trátase de “visibilizar e concienciar da necesidade dunha igualdade real e efectiva para posibilitar a eliminación do machismo”. Así comprometeuse a seguir definindo liñas de traballo para mellorar a situación da muller rural de Galicia, promovendo nestes concellos medidas que garantan a conciliación laboral das mulleres e a súa contribución, en condicións de igualdade, á actividade económica.

Con respecto ao labor que desenvolve a Consellería de Emprego e Igualdade en materia de prevención de riscos laborais, a conselleira indicou que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) ven marcando o sector primario como obxecto prioritario das súas accións. Así, o Instituto realiza cursos de formación de prevención de riscos laborais no sector agroforestal, así como xornadas técnicas específicas para este ámbito, ao tempo que vén desenvolvendo campañas de sensibilización como A túa vida sen voltas; Uso seguro do tractor; o Alertas Issga forestal e uso seguro da maquinaria forestal.

O Issga, así mesmo, investiga accidentes e enfermidades profesionais no sector agrario e elabora documentos para a mellora da prevención de riscos laborais como a Guía de boas prácticas: prevención de riscos laborais durante o embarazo e a lactación no sector agrario. Ademais, nos últimos anos realizou xornadas técnicas en centros de Capacitación Agraria sobre o uso seguro do tractor.

Leváronse tamén a cabo actuacións de prevención fronte á Covid-19 como a publicación de recomendacións específicas para o sector agrario.

Para rematar, a conselleira puxo en valor o traballo que desenvolve a a Asociación Agraria de Galicia (Asaga), unha organización profesional que defende a actividade económica agraria, así como a súa forma de vida tradicional. Esta entidade tamén oferta axuda a moitas persoas relacionadas co mundo agroalimentario e coa produción gandeira e industrial.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/01/2021