A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reuniuse por videoconferencia coa Asociación de Afectados pola AP-9, con veciños de Trasmañó, con representantes dos empresarios de Redondela e coa ANPA do IES de Chapela
A Xunta comprométese cos veciños de Redondela a insistir para que o Goberno atenda dunha vez por todas as súas máis que xustas demandas de medidas compensatorias e supresión da peaxe

Vázquez Mourelle lamenta que o Executivo non avance na reposición dos viarios, na reforma da ponte de Trasmañó e na instalación das pantallas acústicas, especialmente importantes pola covid, ao ser necesario manter as ventás abertas

Manifesta que o Ministerio segue sen suprimir a peaxe de Redondela, a pesar de que os Orzamentos Xerais do Estado recollen unha partida de 1,53 M€ para este fin

Insta ao Goberno estatal a axilizar as obras pendentes e cumprir coa liberación da peaxe que está a lastrar os petos e a competitividade dos veciños e empresas de Redondela
 

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2021

A Xunta comprométese cos veciños de Redondela a insistir para que o Goberno central atenda dunha vez por todas as súas máis que xustas reivindicacións de medidas compensatorias polas obras da AP-9 e a supresión da peaxe.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, reuniuse hoxe por videoconferencia con representantes da Asociación de Afectados pola AP-9, da Asociación de Veciños de Trasmañó, da Asociación de Empresarios de Redondela e con representantes da ANPA do IES de Chapela.

Na xuntanza púxose en común a problemática xerada pola falta de avances do Goberno de España respecto ás actuacións complementarias á ampliación da AP-9 comprometidas en Chapela, ademais de pola falta de concreción sobre as previsións para a supresión da peaxe de Redondela, comprometida xa no ano 2018.

Vázquez Mourelle explicou que a Xunta, a pesar de tela demandado de forma insistente, non ten información por parte do Ministerio, xa que desde novembro de 2018 non se convoca a Comisión conxunta sobre a AP-9 para abordar estes asuntos.

Manifestou o malestar do Goberno galego polo retraso por parte do Executivo central cos compromisos asumidos cos veciños e colectivos de Redondela, ao non avanzar nas obras complementarias e compensatorias de reposición de servizos e de mitigación do ruído na zona.

Ethel Vázquez fixo fincapé no impacto que tivo para Chapela e Redondela a construción da autoestrada, primeiro, e logo a súa ampliación, polo que os veciños teñen dereito a ser compensados.

Lamentou, neste sentido, a falta de avances nas actuacións de reposición dos viarios ou da reforma da ponte de Trasmañó, xunto coa instalación de pantallas acústicas, algo especialmente importante polo contexto actual da covid, onde é necesario manter as ventás abertas nos centros educativos para garantir unha correcta ventilación.

Tamén lembrou que o Goberno de España non está a materializar o compromiso de supresión da peaxe de Redondela, a pesar de que os Orzamentos Xerais do Estado de 2021 recollen unha partida específica de 1,53 M€ para liberar a peaxe, pero os veciños seguen agardando pola súa materialización.

Subliñou que os veciños de Redondela e as empresas da zona están vendo lastrada a súa competitividade por esa peaxe inxusta que o Goberno central non acaba de suprimir.

Ethel Vázquez considerou que non se debe prolongar máis o agravio que sofren os veciños de Redondela, polo que a Xunta continuará insistindo ante o Executivo estatal para que axilice a execución das obras complementarias comprometidas e que cumpra coa liberación da peaxe.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/01/2021