O titular do Goberno galego presidiu hoxe unha nova reunión do comité
A Xunta coñece as propostas do comité de expertos económicos para avanzar na simplificación administrativa

O grupo propón habilitar incentivos fiscais no ámbito dos tributos da Comunidade Autónoma para facilitar a reactivación económica

Nos últimos meses, o comité abordou diferentes ámbitos: liquidez; relacións laborais; solvencia para as empresas e as actividades económicas; propostas para a reactivación e dinamización da economía; e a situación dos proxectos tractores

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2021.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reuniuse hoxe co comité de expertos económicos de Galicia para, nesta ocasión, avanzar na simplificación administrativa da Comunidade Autónoma.

En concreto, os membros do comité recoñeceron os avances que recolle a Proposición de lei de simplificación administrativa de apoio á reactivación económica de Galicia, ao tempo que sinalaron a necesidade de afondar en liñas de traballo adicionais.

Neste sentido, fixeron unha serie de achegas concretas á futura lei, na liña de mellorar a coordinación entre organismos administrativos; axilizar a tramitación de convenios; potenciar as oficinas virtuais; ou axilizar convenios financiables con fondos europeos.

Así mesmo, na reunión tamén formularon unha serie de propostas no eido fiscal para incentivar a actividade económica. En concreto, os expertos apostaron por unha serie de incentivos fiscais no ámbito dos tributos da Comunidade Autónoma para facilitar e impulsar a reactivación económica.

Todas estas liñas de traballo van incluídas no que é o sexto documento elaborado polo comité. Ao longo dos últimos meses, os expertos económicos plasmaron as súas achegas noutros cinco informes de diferentes ámbitos: liquidez; relacións laborais; solvencia para as empresas e as actividades económicas; propostas para a reactivación e dinamización da economía de Galicia; así como, o pasado 22 de xaneiro, a situación dos proxectos tractores.

O comité de expertos económicos, constituído no mes de abril, é un órgano que se puxo en marcha coa finalidade de asesorar á Xunta sobre como minimizar o impacto da crise derivada da covid-19 e preparar a recuperación económica.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/02/2021