A Amtega e Fegaus ofertarán na rede CeMIT unha gran variedade de seminarios en liña dirixidos a persoas maiores sobre o uso das novas tecnoloxías

Os ciclos de seminarios en liña están previstos durante os meses de febreiro a maio en horario de mañá, aínda que se irán ampliando con novas programacións ao longo de todo o ano

O obxectivo é favorecer un envellecemento máis activo e a introdución das persoas maiores no uso da tecnoloxía

A formalización da inscrición, de xeito gratuíto, pode facerse tanto nas aulas CeMIT como de xeito online na páxina web da Rede CeMIT ou na de Fegaus

Adicionalmente, ofrecerase acceso a aos contidos dos seminarios xa realizados a través dunha videoteca
 

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2021

A Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors (FEGAUS), no marco das súas actividades como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), organiza un programa formativo que conta con máis de 20 seminarios online duns 60 minutos de duración que tratan diversos contidos de temáticas cotiás apoiándose na axuda que supón o uso das novas tecnoloxías.

O obxectivo principal deste proxecto é xerar actividades e recursos formativo-informativos de valor para empoderar ás persoas maiores a través do uso das novas tecnoloxías na súa vida cotiá favorecendo así un envecellemento máis activo e a mellora na calidade de vida.

Establécese así un proceso de colaboración coa Rede CeMIT, de forma que, as actividades se retransmitirán por videoconferencia a través das aulas repartidas por todo o territorio galego amplificando así o alcance das accións e mellorando a capilaridade destas cara ás contornas rurais e usuarios/as cuxo perfil tecnolóxico está en fases iniciais. Así como tamén se dará a posibilidade de seguir esta formación de xeito online desde os fogares sen necesidade de desprazamentos por parte dos usuarios/as da Rede pero contando co apoio e asesoramento dos responsables das aulas CeMIT no proceso de alta e conexión aos seminarios online.

Os contidos formativos, aínda que están destinados ás persoas maiores, dado o interese das temáticas tratadas, están abertos ao público en xeral e preséntanse mediante emisións en directo a través de Internet con conexións grupais desde as aulas CeMIT que participen na iniciativa para a asistencia de xeito presencial dos usuarios/as interesados/as e que contarán ademais co apoio do dinamizador/a do centro.

As sesións terán un carácter interactivo e dinámico podendo realizar consultas ao poñente en caso de dúbida ou realizando calquera outra intervención que se considere de interese.

Os ciclos que se impartirán versarán sobre as seguintes temáticas:

• Relaciona TIC: Algunha vez te buscaches en Internet? Sabes o que Google sabe de ti?, Ferramentas de ditado: mensaxes de voz, WhatsApp, Aprende a detectar de forma sinxela virus en mails e páxinas web, Espreme o teu móbil, etc.
• Soidade: Dereito preventivo: evitar o desamparo en situacións de vulnerabilidade, O Síndrome da fraxilidade como factor da soidade, A soidade a vista de cine, etc.
• Formación ao longo da vida: Consellos para buscar mellor en Internet: encontra a información que precisas, Uso saudable de dispositivos electrónicos, Mercar sen diñeiro: paga co teu móbil de forma segura, etc.

Estas actividades son gratuítas e emitiranse durante os meses de febreiro a maio en horario de mañá de 10:30 a 11:30. Aínda que se irán ampliando con novas programacións ao longo de todo o ano.

Para a formalización das inscricións para participar de xeito presencial é recomendable poñerse en contacto cos responsables das aulas CeMIT participantes en cada un dos seminarios ou a través de internet na web https://cemit.xunta.gal, sendo único requisito esixible ser ou darse de alta como usuario da Rede ou no caso de seguir os cursos desde a casa, inscribirse desde a web de Fegaus en Canal Sénior, https://fegaus.canalsenior.es/, a plataforma de aprendizaxe coa que colabora nestas actividades, e onde calquera persoa poderá rexistrarse gratuitamente.

Adicionalmente, Fegaus, no marco da súa colaboración como aliado dixital, pon á disposición dos responsables das aulas CeMIT e da cidadanía en xeral unha Videoteca onde poder visualizar os seminarios xa retransmitidos e os realizados en colaboración coa Xunta de Galicia para poder complementar a formación a través da realización independente e autónoma dos cursos de maior interese para a cidadanía.


Plan de Inclusión Dixital de Galicia - Aliad@s Dixitais

FEGAUS é un dos máis de 900 aliados dixitais do Plan de inclusión dixital de Galicia, impulsado pola Amtega, ao que se poden adherir como tales a aquelas empresas e entidades interesadas en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia no marco da súa responsabilidade social empresarial, mediante a achega de recursos financeiros, humanos ou, como neste caso, de coñecemento.

O Plan de inclusión dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

FEGAUS agrupa a 7 asociacións de alumnos e ex-alumnos dos Programas de Maiores dos 7 campus universitarios pertencentes ás tres universidades de Galicia: Santiago, A Coruña e Vigo, contando con arredor de 2.000 alumnos sénior.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos, está integrada por 98 aulas e está presente en 53 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de inclusión dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/02/2021