A Xunta informa aos sectores da xeotermia, pizarra, granito e auga mineral e termal de que a Lei de reactivación suporá un cambio na cultura administrativa

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantivo esta semana reunións cos clusters para trasladarlles as novidades que incorpora o novo marco lexislativo que se está tramitando no Parlamento galego

O obxectivo é converter Galicia nun lugar atractivo para investir, apostando por unha administración máis áxil e moderna que dea resposta aos novos retos

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación apoia a posta en valor dos recursos naturais autóctonos para avanzar cara a unha Galicia máis verde e sustentable
 

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2021

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantivo esta semana reunións cos clusters da Xeotermia, da Pizarra, do Granito e da Auga Mineral e Termal de Galicia co obxectivo de coñecer a situación actual destes sectores e avaliar posibles medidas de mellora e impulso. Neste sentido, aproveitou para informarlles da Lei de reactivación económica que está agora tramitándose no Parlamento galego e coa que a Xunta busca un cambio na cultura da Administración.

Así, a directora xeral trasladou aos clusters as novidades que contén este novo marco lexislativo, que ten como obxectivo converter a nosa Comunidade nun bo lugar para investir, a través da axilización da tramitación administrativa ao mesmo tempo que achega as máximas garantías xurídicas, urbanísticas e medioambientais.

A previsión é que coa nova lei o prazo de tramitación dun proxecto se reduza nun terzo con respecto ao período actual. Deste xeito, Galicia avanza no reto de contar cunha administración máis áxil, moderna e que responde mellor ás necesidades deste novo contexto socioeconómico marcado pola pandemia.

Plan de promoción

Nos diferentes encontros celebrados esta semana, a directora xeral e os clusters consideraron oportuno abordar un plan de promoción dos sectores e dos seus produtos, no que se poñan en valor os aspectos positivos que esta industria ofrece, tales como a creación de emprego, o asentamento poboacional, o crecemento demográfico e o respecto ao medio ambiente contando así cunha industria mineira sostible e responsable. Tamén se destacou a importancia de aproveitar as axudas ás empresas da minería que se centran en adaptarse ás novas exixencias en materia de po de sílice para contar cuns centros de traballo saudables.

Paula Uría amosou a disposición da Xunta –a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación– para seguir colaborando coas asociacións e empresas destes sectores, co obxectivo de poñer en valor os recursos naturais de Galicia, unha fonte de riqueza e emprego que, á súa vez, é necesario protexer. Neste sentido, pediu aos clusters a súa cooperación para avanzar cara a unha Galicia máis verde e máis sustentable.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/02/2021