A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, abordou hoxe co alcalde de Coristanco, Juan García, actuacións hidráulicas de interese no municipio
A Xunta trasládalle ao Concello de Coristanco o seu compromiso de colaboración técnica e financeira para executar as obras de modernización da potabilizadora do municipio

Teresa Gutiérrez indica que o obxectivo é dispoñer este ano do proxecto redactado coa fin de licitar as obras a finais do presente exercicio
Sinala que o proxecto definirá os traballos necesarios para resolver as carencias na estación de tratamento de auga potable

Detalla que Augas de Galicia se compromete ao financiamento do 80% das obras e o concello deberá achegar o 20% restante

Salienta que tamén se está coa contratación da actuación para a mellora e posta en marcha da depuradora de Vilaverde, que suporá un investimento de 52.000 euros

A Xunta continúa prestando o seu apoio aos municipios para axudalos a desenvolver as súas competencias de saneamento e abastecemento

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2021

A Xunta trasládalle ao Concello de Coristanco o seu compromiso de colaboración técnica e financeira para executar as obras de modernización da potabilizadora do municipio coa fin de mellorar o sistema de abastecemento.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, xunto co xerente do organismo hidráulico, Gonzalo Mosqueira, mantivo hoxe un encontro de traballo co alcalde de Coristanco, Juan García, no que abordaron actuacións de interese no municipio.

Teresa Gutiérrez comunicoulle ao rexedor que para acometer a intervención na estación de tratamento de auga potable cómpre redactar primeiro o proxecto construtivo para definir os traballos necesarios. Neste sentido, concretou que o obxectivo é dispoñer este ano do proxecto redactado coa fin de licitar as obras a finais do presente exercicio.

A directora detallou que Augas de Galicia se compromete ao financiamento do orzamento do 80% das obras e o concello deberá participar coa achega do 20% restante.

Estas actuacións teñen como propósito resolver as carencias destas instalacións hidráulicas, que debido á súa antigüidade, non están a funcionar de xeito eficiente.

Na reunión a directora de Augas de Galicia tamén informou de que se está coa contratación da actuación para a mellora e posta en marcha da depuradora de Vilaverde, que suporá un investimento de preto de 52.000 euros.

O Goberno galego continúa prestando o seu apoio aos municipios para axudalos a desenvolver as súas competencias de saneamento e abastecemento e proporcionar uns servizos de calidade aos veciños.

Data de actualización: 12/02/2021